O Porriño, 7 de xuño de 2026. – O Concello do Porriño pecha cun rotundo éxito de público e participación o I Certame de Talla en Pedra “Antonio Palacios escríbese en pedra”. Ao longo de toda a fin de semana, a contorna do emblemático templete de San Luis converteuse nun taller de escultura ao aire libre onde veciños e visitantes puideron gozar, en tempo real, da transformación de bloques de granito en bruto en auténticas obras de arte da man de sete profesionais de diferentes partes da xeografía que empregaron inxenio, imaxinación e moita destreza para recrear obras de Palacios.

Os gañadores desta primeira edición foi Juan Vázquez Pérez, que se fixo tamén co premio do público. Ademais Nicolás Rincón fíxose co segundo premio e Alexandre López co terceiro. 

A iniciativa, impulsada polo Concello en colaboración co IES Ribeira do Louro, cumpriu con creces o seu obxectivo de reivindicar a pedra como sinal de identidade de Galicia e poñer en valor o oficio da cantería.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, amosou a súa satisfacción polo gran acollida desta primeira edición e destacou o orgullo de ver como a vila homenaxea as súas raíces. “Antonio Palacios é unha das grandes figuras que marcaron a identidade do noso concello e merece ser lembrado e recoñecido como corresponde. Con este certame de talla e co vindeiro de pintura rápida imos renderlle homenaxe poñendo en valor dúas das súas grandes paixóns: a arquitectura ligada á pedra e a expresión artística, facendo que a súa pegada siga viva nas rúas do Porriño.” Do mesmo xeito agradeceu  a colaboración de todas as persoas que o fixeron posible: ao equipo de Cultura do Porriño; a José Antonio Lemos, xerente de Lemmar Granite que  cedeu 7 bloques de pedra de alba da canteira de Chandebrito, e claro, ao xurado: Fernando Godoy, do Grupo Godoy Maceira; José Ángel Lorenzo, Secretario do Cluster do Granito; José Manuel Pérez, escultor, e Manuel Ángel Vidal, docente do CIFP Canteiría de Galicia.

As vindeiras citas: Pintura rápida e os Premios Palacios

A actividade cultural non se detén no Porriño. Tras o éxito do certame de pedra, a vila prepárase para acoller as súas vindeiras grandes citas o sábado 13 de xuño:

  • III Concurso de Pintura Rápida “Pintando a Palacios”: O casco urbano collerá o relevo artístico para transformarse nun museo aberto. O concurso contará con catro categorías (desde a infantil ata a de adultos) e un primeiro premio que ascenderá tamén aos 1.500 euros na categoría absoluta.
  • Premios Antonio Palacios: Ese mesmo sábado celebrarase esta gala anual tan sinalada, que ten como obxectivo recoñecer e homenaxear o talento, a excelencia e o compromiso social de persoas e entidades estreitamente vencelladas ao municipio do Porriño.