• A Praza Arquitecto Antonio Palacios será o escenario, ás 20:30 horas, desta proposta protagonizada pola Maga Fani e Martín Camiña, que combina maxia, humor e crítica social

O Porriño, 21 de agosto de 2026.– O vindeiro sábado 22 de agosto, ás 20:30 horas, a Praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá o espectáculo de ilusionismo ‘2 Ilusionistas cunhas maxias subversivas’, protagonizado pola Maga Fani e Martín Camiña.

A proposta presenta un particular encontro entre dous ilusionistas que achegan ao público unha escolma de números de maxia pouco convencionais, acompañados de humor, sorpresas e moita diversión. Trátase dun espectáculo de carácter escénico, asimétrico e irreverente que busca romper cos formatos máis tradicionais da maxia e ofrecer unha experiencia distinta ao público.

O alcalde do Porriño destaca que “seguimos enchendo as rúas do Porriño de cultura, de actividade e de propostas diferentes que permiten á veciñanza desfrutar do verán na rúa. Espectáculos como este son fundamentais para garantir unha axenda cultural variada, dinámica e para todos os públicos”.

A maga Fani

A Maga Fani desenvolve o seu traballo arredor da maxia, o circo e a danza, incorporando aos seus espectáculos cuestións relacionadas coa igualdade, a loita contra os estereotipos, a defensa da lingua e da cultura e a promoción dun humor saudable. A súa formación en Bioloxía, ballet clásico, danza-jazz e expresión corporal reflíctese nunha proposta artística coidada, orixinal e comprometida.

Martín Camiña

Pola súa banda, Martín Camiña é un recoñecido ilusionista con ampla traxectoria no ámbito da maxia e varios galardóns no seu currículo, entre eles o terceiro premio nacional de maxia en Donostia na modalidade de cartomaxia, así como terceiros premios en congresos internacionais de Almussafes (València) e da Asociación Portuguesa de Ilusionismo, no Algarve. A súa carreira inclúe tamén xiras por Xapón nos anos 2011 e 2012.

O Concello do Porriño anima a toda a veciñanza a achegarse á Praza Arquitecto Antonio Palacios para desfrutar dunha proposta cultural diferente, pensada para sorprender, divertir e reivindicar a maxia como ferramenta de expresión artística e creativa. Este espectáculo conta coa colaboración da Xunta de Galicia, da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e de Cultura no Camiño.