Sergio Casal, concelleiro de Mercados e representantes do sector de vendedores acordaron hoxe que o mercado ambulante do Porriño volverá o vindeiro martes 23 de xuño. O mercado ambulante non se celebra dende a declaración do estado de alarma.

Haberá unha nova distribución de espazos. Concelleiro e ambulantes acordaron que os postos de venta só sexan montados nun lateral da rúa. Cada posto ocupará un máximo de 6 metros lineais e haberá unha distancia de 2 metros co seguinte. O primeiro posto será montado á altura do establecemento “Cólleo con pinzas” e seguirán por orde colocándose cara ao Concello.
Os postos de venda de produtos alimentarios e plantas instalaranse na rotonda de San Sebastián.
Para garantir que o mercado ambulante funcione con normalidade, a rúa Pío XII estará cortada ao tráfico rodado.

No que atinxe á limpeza, cada ambulante comprometese a recoller en sacos e bolsas o lixo que se produza no seu posto. E, ademais, en todos os postos de venda haberá xel para hixiene de mans e será obrigatorio o emprego de máscaras de protección.
Non obstante, concelleiros e representantes dos ambulantes volverán reunirse o vindeiro mércores para rematar detalles.