O Concello do Porriño agarda iniciar en agosto as obras da rede de saneamento e pavimentación en Arrotea-Lameira, na parroquia de Pontellas, segundo as previsións que manexa Pedro Pereira, concelleiro responsable de Infraestruturas.

O proxecto actualmente atópase en fase de licitación. Aínda está aberto o prazo de presentación de ofertas que rematará o 7 de xuño.

O prazo de execución será de 3 meses e conta cun orzamento de 115.632 euros, que vai ser financiado polo “Plan Concellos 2021” da Deputación Provincial.

“A actuación vai permitir deixar rematadas as conexións coas actuais redes de subministración e saneamento do Porriño, a fin de conseguir un todo harmónico e interconectado”, segundo o concelleiro responsable.