-
A unidade móbil de ADOS estará instalada os días 3 e 4 de xullo na Avenida Domingo Bueno para facilitar a participación da veciñanza nun acto solidario que salva vidas
O Porriño, 3 de xullo de 2026.- O Concello do Porriño convida a colaborar coa Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) na campaña especial de verán de doazón de sangue, unha iniciativa que busca garantir as reservas necesarias nos hospitais galegos durante unha das épocas do ano con maior demanda e máis dificultades para manter un nivel suficiente de doazóns.
Con este obxectivo, a unidade móbil de ADOS desprazarase ao municipio os días venres 3 e sábado 4 de xullo, situándose na Avenida Domingo Bueno, ao carón do Centro Cultural. O venres estará operativa de 10:00 a 14:30 horas e de 16:00 a 21:00 horas, mentres que o sábado atenderá ás persoas doantes de 10:00 a 15:00 horas.
A campaña de verán, que se desenvolve entre o 15 de xuño e o 31 de agosto, pretende sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da doazón nun período no que aumenta a mobilidade da poboación e, ao mesmo tempo, continúan as necesidades asistenciais dos hospitais. Durante estes meses, ADOS mobilizará dez unidades móbiles que percorrerán máis de 170 concellos galegos para achegar este xesto solidario á veciñanza.
Na actualidade, os hospitais de Galicia precisan máis de 400 doazóns de sangue cada día para atender intervencións cirúrxicas, tratamentos oncolóxicos, transplantes, urxencias e outras necesidades asistenciais. Ademais, dunha única doazón pódense obter tres compoñentes —glóbulos vermellos, plasma e plaquetas— que permiten axudar a máis dun paciente.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, anima á veciñanza a participar nesta iniciativa solidaria, contribuíndo cun pequeno xesto que resulta fundamental para manter as reservas de sangue e garantir a atención sanitaria das persoas que o precisan en toda Galicia.


