O arquitecto reposa, como era o seu desexo, no cemiterio municipal da vila baixo unha mole de granito na que un canteiro esculpiu o seu nome e profesión O Porriño, 22 outubro de 2026.- O Concello do Porriño acollerá o vindeiro luns 26 de outubro, ás 19:00 horas, unha homenaxe ao insigne arquitecto porriñés Antonio Palacios no marco do 50.º aniversario do traslado dos seus restos á súa vila natal.Aínda que Palacios faleceu na súa casa do Plantío, en Madrid, en 1945, e foi soterrado no cemiterio da Sacramental de San Lorenzo, o seu desexo explícito era regresar ao Porriño.Foi o 30 de outubro de 1976 cando a súa vila natal cumpriu o desexo do arquitecto: ser trasladado ao municipio e reposar baixo unha mole de pedra cunha inscrición tallada por un canteiro na que figurase o seu nome e o seu oficio. Así, aquel traslado converteuse, tres décadas despois do seu pasamento, nun acto de fonda emotividade e solemnidade popular. Os restos do célebre arquitecto foron recibidos e levados a ombreiros por canteiros do Porriño polas rúas da vila nunha emotiva procesión e homenaxe. Desde entón, reposa no cemiterio municipal baixo unha mole de granito procedente das canteiras de Vila Fría, labrada a pico por un canteiro coa gravación sinxela que el mesmo solicitara: “Antonio Palacios – Arquitecto”.“50 anos despois, o Concello do Porriño quere manter viva a súa memoria e honrar ese desexo expreso do arquitecto de regresar á súa vila cunha mostra fotográfica daquel día no que os seus restos volveron a reposar na súa terra”, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, agradecendo ao equipo de Cultura do Concello do Porriño, o traballo para celebrar esta efeméride. Neste senso, explica que o Concello seguirá volcado en preservar e seguir estudando a historia de Palacios. “Para elo estamos a piques de abrir as salas que levan o seu nome e tamén o seu legado”. A exposición que recolle fotografías do Arquivo Municipal da Imaxe, xunto con outras doadas por Modesto Giráldez, poderá visitarse no Concello.Preestrea do documental de Aser ÁlvarezA xornada arrincará coa proxección en primicia do documental “A Pontevedra de Antonio Palacios”, unha obra audiovisual de 50 minutos dirixida polo cineasta Aser Álvarez González que recupera e reivindica o transcendente legado arquitectónico e urbanístico que o autor deixou na provincia. Será proxectada no salón de plenos do Concello. A entrada é gratuita ata compretar aforo e , de ser necesario, realizarase unha segunda proxeción.Esta peza iniciática —o primeiro paso cara a un gran proxecto documental sobre a figura de Palacios— funciona como unha sorte de road movie que percorre a Pontevedra de Antonio Palacios máis aló das súas obras construídas, chegando incluso a reconstruír mediante intelixencia artificial proxectos non levados a cabo, como o convento das Salesas ou a xa desaparecida Escola Fernández Areal. Destaca o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que ademais esta peza é “unha homenaxe ao Doutor en Historia Xosé Ramón Iglesias Veiga, Moncho, un dos pioneiros no estudo do arquitecto e un mestre moi querido no Porriño. O traballo conta coa participación de testemuñas e expertos como o catedrático de Historia da Arte Jesús Ángel Sánchez e Álvaro Bonet, ademais de render esa homenaxe a Iglesias . A banda sonora orixinal corre a cargo do músico Moisés Quintas e do grupo Abóbriga, que actuarán tamén durante a xornada de presentación.


