As ANPA, asociacións culturais e veciñais, clubs deportivos do municipio e a AECC poderán presentar as súas solicitudes ata o 17 de xullo
• O Concello destina un total de 5.400 euros en premios á participación para dinamizar un dos actos máis multitudinarios da festa

O Porriño, 17 de xuño de 2026.- O Concello do Porriño publicou as bases reguladoras dos desfiles de comparsas de Porrigalia 2026 coa apertura do prazo de inscrición para todas aquelas entidades interesadas en formar parte desta celebración ambientada nas grandes civilizacións da antigüidade.

Poderán participar as ANPA dos centros educativos, asociacións culturais e veciñais, clubs deportivos do Concello do Porriño e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC), sempre que as comparsas estean integradas por un mínimo de oito compoñentes e se caractericen conforme a algunha das civilizacións que forman parte do universo de Porrigalia: galos, romanos, castrexos, exipcios ou gregos.

As inscricións deberán formalizarse a través do Rexistro Xeral ou da sede electrónica municipal mediante o formulario habilitado para este fin. O prazo permanecerá aberto ata o 17 de xullo de 2026, non admitíndose solicitudes presentadas fóra do período establecido.

O Concello destina a esta convocatoria unha contía máxima de 5.400 euros, premiando a cada comparsa de polo menos 8 compñentes con 300 euros pola súa asistencia. A distribución realizarase ata esgotar a partida orzamentaria dispoñible e seguindo rigorosamente a orde de inscrición. As comparsas que desexen participar unha vez completado este orzamento poderán facelo igualmente, aínda que sen dereito ao premio económico.

A orde de saída dos desfiles establecerase tamén segundo a orde de inscrición das comparsas participantes. Cada agrupación deberá portar un cartel identificativo co seu nome, número de integrantes e a civilización elixida. Ademais, deberán respectar as medidas de seguridade establecidas pola organización, quedando expresamente prohibido o uso de animais, sprays ou material pirotécnico.

Os desfiles celebraranse nas datas previstas dentro da programación de Porrigalia 2026 e percorrerán as principais rúas do centro urbano, con saída desde o Templete da Rede de San Luis e paso polos barrios de San Sebastián e San Bieito, continuando pola rúa Ramón González ata rematar na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

A valoración e control da participación corresponderá a un comité de observación e seguimento nomeado por resolución de Alcaldía, integrado por un número impar de membros.

As bases establecen tamén que a inscrición supón a autorización para que o Concello poida realizar fotografías e gravacións das comparsas participantes con fins promocionais e documentais relacionados coa festa.

A participación implica a aceptación íntegra das bases reguladoras, podendo perderse o dereito aos premios no caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas.

As persoas interesadas poden consultar e descargar as bases completas, así como os anexos necesarios para formalizar a inscrición, a través da páxina web ecultura.net.

Tamén podes premer aquí para acceder ás bases e aos dous anexos que se deben presentar para a solicitude.