A Concellería de Igualdade e a Oficina de Información Municipal Xuvenil (OMIX) anuncian a celebración polo Concello do Porriño do “Día do Orgullo LGTBIQ+” durante esta fin de semana, baixo o lema “Un Porriño Trans-verso”.

Cami Moreira, responsable da Concellería explicou que “estamos moi orgullosas de que o Concello do Porriño se sume á celebración do Día do Orgullo LGTBIQ+ para que a igualdade de dereitos de todas e todos os cidadáns sexa cal fora a súa orientación afectiva e sexual ou identidade de xénero, sexa un compromiso de toda a sociedade”, segundo manifestou a concelleira de Igualdade.

Os actos comezarán este sábado 27, ás 12 horas, coa presentación do programa. A roda de prensa terá lugar no salón de plenos do Concello. Eva García, alcaldesa do Porriño presidirá a comparecencia que protagonizarán a concelleira Cami Moreira, o muralista “Doctoy” David Brey Vázquez e o poeta Samuel Merino.

Os actos de celebración do Día do Orgullo continuarán sábado e domingo con diversas actuacións artísticas e musicais que se anunciarán na antedita comparecencia.