A alcaldesa, Eva García de la Torre expresou o apoio do Concello do Porriño á candidatura da asociación “ACEESCA” á convocatoria do programa “Xuntos Sumamos” que realiza “Ferrovial”.

A alcaldesa ven de enviar unha carta dirixida á empresa construtora que institúe esta iniciativa creada para apoiar proxectos desenvolvidos por organizacións privadas sen ánimo de lucro para a mellora das condicións de vida das persoas en risco de vulnerabilidade social.

Na súa carta de apoio á candidatura de “ACEESCA”, a alcaldesa porriñesa lembra que esta entidade “traballa para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, tanto no Porriño como na bisbarra”.
“As actividades de ACEESCA supoñen unha notoria achega á comunidade, no eido social e de emprego, a través da promoción integral das persoas con discapacidade intelectual , promovendo a súa autonomía e facilitando a súa integración laboral”, explica Eva García.