• Poderán presentarse solicitudes de participación do 15 ao 26 de xuño ás 14:00 horas

O Porriño, 12 de xuño de 2026.- O Concello do Porriño vén de aprobar as bases que regulan a adxudicación, instalación e funcionamento temporal de postos de venda, atraccións e casetas con motivo das Festas de San Bieito 2026, abrindo o prazo para que as persoas e empresas interesadas poidan presentar as súas solicitudes.

Prazo de presentación

O período de presentación permanecerá aberto desde o 15 de xuño ata o 26 de xuño ás 14:00 horas, ambos incluídos, podendo realizarse a través do Rexistro Xeral do Concello, da sede electrónica municipal ou por calquera dos medios previstos na normativa administrativa vixente.

As autorizacións permitirán a instalación de atraccións, quioscos, postos de alimentación, artesanía e venda variada durante a celebración das festas, que terán lugar entre os días 10 e 12 de xullo de 2026.

Distribución dos postos

O recinto feiral distribuirase ao longo da rúa Manuel Rodríguez e nos terreos dispoñibles da rúa Leandro Diz, espazos nos que o Concello organizará a disposición das distintas instalacións garantindo a seguridade, a accesibilidade e a correcta convivencia coa veciñanza.

As instalacións poderán comezar a súa montaxe a partir do 1 de xullo, debendo estar completamente operativas antes do inicio das festas.

Con esta convocatoria, o Concello do Porriño continúa traballando na organización dunhas Festas de San Bieito seguras, accesibles e participativas, favorecendo a actividade económica vinculada ao sector feiral e garantindo ao mesmo tempo a convivencia e o desfrute da veciñanza e das persoas visitantes.

Preme aquí para acceder ás bases para a instalación de postos de venda e atraccións en San Bieito 2026.