- As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes entre o 15 de xuño e o 3 de xullo ás 14:00 horas para participar no gran mercado temático da festa
O Concello do Porriño abre o prazo para a presentación de solicitudes para a instalación de postos de venda no recinto de Porrigalia 2026, que terá lugar os días 24, 25 e 26 de xullo. O período de presentación permanecerá aberto desde o 15 de xuño ata o 3 de xullo ás 14:00 horas, ambos incluídos.
Postos dispoñibles e adxudicación
O Concello porá á disposición dos solicitantes 10 carpas e 20 postos de madeira, que serán adxudicados por rigorosa orde de entrada no rexistro. As solicitudes que non obteñan posto inicialmente pasarán a formar parte dunha listaxe de reserva para cubrir posibles vacantes. A relación provisional de admitidos publicarase o 3 de xullo e a listaxe definitiva farase pública a partir do 8 de xullo.
Os postos autorizados poderán ofrecer produtos de alimentación tradicional, artesanía, demostracións de oficios artesanais e antigüidades, sempre respectando o carácter histórico e cultural da celebración.
Horario de funcionamento
Os postos de venda desenvolverán a súa actividade durante os días 24, 25 e 26 de xullo de 2026. O horario de funcionamento establecido será de 10:00 a 01:00 horas o venres 24 sábado 25 e de 10:00 a 00:00 horas o domingo 26, debendo permanecer abertos durante todo o horario autorizado para garantir a correcta dinamización do recinto e a oferta comercial do evento.
Como presentar a documentación
A documentación poderá entregarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica municipal. O Concello lembra que as solicitudes deberán estar correctamente cubertas para seren admitidas.

