O alumnado de 1º curso de bacharelato do IES Ribeira do Louro, en Torneiros, participou hoxe dunha charla informativa sobre agresións e violencia sexual.

Na conferencia, impulsada desde a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e organizada pola concellería de Igualdade,  abordáronse cos alumnos e alumnas do instituto porriñés os estereotipos de xénero, a tipoloxía de violencia sexual, a cultura da violencia, o consentimento, e outros recursos relacionados coas agresións sexuais.

A charla foi impartida por Angélica Mercado Torres, mestra de profesión, especialista en estudios de xénero e políticas de igualdade que conta cunha ampla experiencia en programas a mulleres migrantes e con discapacidade psíquica.

A concelleira de Igualdade, Carolina González, que participou da mesma, salientou que “a violencia sexual é un problema na nosa sociedade que debemos abordar dende todos os ámbitos. O máis importante é a concienciación, a formación e a información dende o ámbito educativo para que as nenas e nenos, mozas e mozos se formen e eduquen nos valores da igualdade e o respecto, e  eles serán nun futuro eses adultos que mostren tolerancia cero a calquera tipo de violencia”.