Novo éxito de Carla Guisande proclamándose subcampiona de España de triatlón sprint

 

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Deportes que dirixe David Alonso quere amosar a súa felicitación a triatleta porriñesa Carla Guisande que ven de proclamarase subcampiona de España na modalidade Triatlón Sprint, nas probas celebradas en Pontevedra.

Carla acadou o segundo mellor tempo na proba, tan só por detrás de Helena Moragas. Ademais a prestación da triatleta porriñesa sumou para que o seu equipo, Cidade Fluvial de Lugo, proclamarase campión de España por clubs.

Este novo éxito de Carla Guisande no panorama nacional, cando puido reiniciarse a tempada 2020, despois do parón polo estado de alarma e cos novos protocolos anti-covid, resulta prometedor. Lembremos que a boa racha de resultados de 2019 valeulle para ser galardoada na recente Gala do Deporte da área de Vigo.

 

O “Louriña Cycling Team”, o novo equipo ciclista do Porriño estrease ao grande nos Campeonatos de España de contra reloxo e fondo en estrada

Sonia Parente e Uxía Fernández, dúas ciclistas do “Louriña Cycling Team”  fixeron a estrea do novo equipo ciclista porriñés que está a participar dende hoxe e ata o domingo 24, nos Campeonatos de España contra reloxo e de fondo en estrada que se celebran en Jaén.

Sonia rematou hoxe no posto 26 da clasificación na proba de contra reloxo feminina disputada sobre un percorrido de 26 quilómetros entre La Iruela e a Serra de Cazorla que realizou en 52’51”. A súa compañeira de equipo, Uxía Fernández rematou no posto 27 da clasificación cun tempo de 55’00”.

Mañá sábado, ambas as dúas xunto ca súa compañeira Elena Caride participarán na proba en liña do Campeonato de España feminino élite que se realizará sobre unha distancia de 105 quilómetros, nun circuito entre Ubeda e Baeza.

Finalmente, o domingo será a quenda dos homes. Un ciclista do equipo porriñes, Roberto Mediero participará na proba en liña élite que cubrirá un percorrido de 185 quilómetros, tamén entre Ubeda e Baeza.

David Alonso, concelleiro de  Deportes do Porriño, desplazouse ata Jaén para acompañar ao novo equipo na súa posta en escea. O Concello do Porriño é o principal patrocinador do “Louriña Cycling Team” que próximamente realizará a súa presentación oficial na nosa vila.

O Festival Sons da Canteira mixturará modernidade artística nun entorno natural que reflexa a historia industrial galega

A alcaldesa Eva García presidiu hoxe a presentación en roda de prensa do primeiro Festival Sons da Canteira que se celebrará no Porriño o sábado 29 de agosto. Un evento artístico que recolle unha mostra varíada da música contemporánea galega nun entorno natural, unha canteira en restauración en Vilafria (Atios) que semella un anfiteatro de pedra. “Un escenario espectacular que funde a modernidade da proposta musical co protagonismo na historia recente da industria galega que significan as canteiras do Porriño”, segundo definiu a alcaldesa.

Cami Moreira, concelleira de Cultura e responsable da organización deste evento que patrocina o Concello, a través do seu departamento, lembrou que hai un precedente, en 1994, dun concerto nunha canteira no Porriño, a cargo de “Milladoiro” que se chamou “O son da pedra” ao que Cami asistiu. Evocou que “quedei abraiada do escenario natural”. A concelleira considera que estas iniciativas artísticas “poden dar unha visión e dimensión distinta destas explotacións industriais ao tempo que damos a coñecer ao Porriño dun xeito moito máis lúdico, usando ese entorno natural”.

Neste primeiro “Sons da Canteira” haberá catro actuacións. Abrirá o artista multimedia Juanma LoDo. Polo escenario seguirán o grupo “Baiuca”, Mercedes Peón e o dúo Laura Lamontagne e PicoAmperio.  . Tamén colaborarán no festival catro compoñentes da Asociación “Os Penediños” de Atios.

No que atinxe ao cartaz do Festival, Adrián Fragueiro, de “Doppler Gestión Cultural”, promotor de “Sons da Canteira”, sinalou que “constitue unha radiografía de parte do panorama musical galego con xente moi nova que se vai comer o mundo coma Laura Lamontagne e PicoAmperio; artistas que xa amosaron que o folk galego e a electrónica casan como poucas cousas como é Baiuca e, finalmente, a experiencia e recoñecidísima traxectoria dunha auténtica eminencia da música dende principios deste século coma é Mercedes Peón”.

Fragueiro tamén valorou a participación de Juanma Lodo, “nado a poucos metros da canteira, que nos sorprenderá cun espectáculo especialmente preparado para a ocasión, e que ademais, como membro do equipo de producción, será o responsable das proxeccións e videomapping  ao longo das sete horas do festival”, engadiu.

A alcaldesa, que pechou a roda de prensa, manifestouse “moi emocionada pola proposta que coido vai ser unha experiencia fantástica”.  Eva García apelou finalmente “á responsabilidade de todos os que acudan para que observen as medidas de seguridade anti-Covid”.

O aforo estará restrinxido a 500 cadeiras. As localidades deben mercarse a través da taquilla electrónica habilitada e co prezo inclue o traslado dos espectadores ata a canteira que se realizará en autobuses que sairán dende a Avenida de Galicia. As localidades están á venda na páxina web www.woutick.es.

 

O goberno municipal esixe á empresa que subrogue aos traballadores do servizo de recollida do lixo


A empresa “Narom S.L.” que se fixo cargo dende o pasado luns 17 da recollida do lixo no Porriño, subrogará aos traballadores que prestaban este servizo coa anterior empresa, “Ascan”.
Este foi o compromiso acadado hoxe xoves, despois dunha reunión mantida polo goberno municipal co empresario. Encontro que presidiu a alcaldesa Eva García e no que participaron tamén Pedro Pereira, primeiro tenente de alcalde, e Sergio Casal, concelleiro delegado de Limpeza e Medio Ambiente.
A continuación, tanto Eva García como Sergio Casal comunicaron o acordo acadado aos traballadores e ás representacións sindicais de CIG e UXT.

A alcaldesa explicou que “a pesares de que o contrato non puido ser licitado aínda, prevalece o establecido no Estatuto dos Traballadores que garante o dereito á subrogación. Polo tanto a empresa que se fai cargo agora da recollida do lixo manterá a plantilla preexistente segundo esiximos”, manifestou Eva García. A rexidora lembrou que “dende a Alcaldía sempre amosamos unha postura inflexible a favor de que os traballadores tiñan que ser subrogados a pesares de que estamos ante un contrato que aínda non se licitou pola súa complexidade e dificultades legais que xurdiron”.

Os sete traballadores do servizo iniciaran onte concentracións de protesta diante do Concello para reclamar a subrogación que hoxe remataron nada máis coñecerse o acordo. Non obstante, as reunións entre empresa, traballadores a representación sindical continuarán esta tarde para rematar outros aspectos do acordo.

Ponse a proba no Multiusos de Torneiros unha cabina anti-covid desarrollada por unha empresa do Porriño

Esta semana, na porta de acceso principal ao Multiusos de Torneiros, está a proba unha cabina anti-Covid desarrollada por “Ramecq”, unha empresa do Porriño.

O pórtico de entrada, está dotado cun sistema de toma de temperatura, dispersor vaporizador, xel hidroalcohólico e alfombra desinfectante como xa tiveron oportunidade de comprobar as persoas que acuden ás oficinas de “Porreemprego” e demais servizos ubicados no Multiusos de Torneiros.

Segundo explica a empresa “Ramecq” na súa páxina web, o sistema co que está dotada a cabina “Smart Sanitizer” que desarrollaron, emprega productos químicos e desinfectantes aprobados polas normativas europeas e respetuosos co medio ambiente.  Esta empresa ten a súa sede no polígono industrial de A Granxa.

David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais e Emprego manifestou que “colocaremos a cabina a proba noutras instalacións municipais coma o Polideportivo, tamén no Centro Cultural e falei con Alfonso Pato, director do Festival de Cans para que valoren a súa instalación na vindeira edición deste evento”.  

Concello e Deputación comprobaron as obras de reforma urbana na rúa Doantes de Sangue

A alcaldesa, Eva García e o primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira comprobaron hoxe, xunto cos deputados provinciais, Carlos López Font e Santos Héctor o desarrollo das obras de reforma urbana na rúa Doantes de Sangue. A actuación tradúcese nunha ampliación de beirarrúas, mellora da seguridade vial mediante resaltos para o calmado do tráfico e pasos peonís nos accesos tanto aos centros docentes alí existentes como tamén ás instalacións do Polideportivo Municipal e outros edificios oficiais e privados.

Para o orzamento da obra, que chega ao medio millón de euros, a Deputación Provincial aportou a través do Plan “Depo-Remse” o 85% do mesmo e o Concello o 15% restante. As obras que están a executarse pola empresa “COVSA”.  

“Esta actuación no Porriño é exemplar para que as persoas recuperen e ocupen os espazos públicos que antes utilizaban os vehículos”, manifestou Carlos López Font. “Neste caso concreto estamos nun entorno que definiría coma paradigmático pois temos un instituto, un colexio, polideportivo municipal, edificios oficiais como a Tesoreria da Seguridade Social, Centro de Saúde o so Xulgados, que moven xente de todas as idades que se beneficiarán deste cambio radical por unha mobilidade tranformadora e segura”, engadiu o deputado responsable de Infraestructuras.

Pola súa banda, Eva García ponderou “o traballo realizado” polo concelleiro de Infraestructuras, Pedro Pereira “pola súa capacidade para buscar e axeitar solucións constructivas conforme avanzaba a obra”, manifestou a alcaldesa.   

Para Eva García “esta obra é un primeiro paso para evidenciar que o concepto de cidade que compartimos neste goberno de coalición vaise facendo realidade para transformar O Porriño e agardo que sexa coa plena colaboración da Deputación Provincial coma acontece dende hai 5 anos”.

A Policía Local impón as tres primeiras denuncias por fumar en público sen respetar a restrición de 2 metros de distancia



A Policía Local do Porriño informa que onte domingo, pola tarde, impuxeronse as tres primeiras denuncias por incumprimento da restricción de fumar sen respetar unha distancia de 2 metros. Dúas desas sanciones levantaronse contra un camareiro e un cliente dun mesmo establecemento de hostalaría do casco urbano que estaban fumando sen gardar a distancia social.

O terceiro caso denunciouse por fumar na vía pública incumprindo tamén o preceptúado na normativa que aprobou a Xunta de Galicia e que está en vigor dende o pasado xoves 14 de agosto.

A Policía Local do Porriño informa que tamén onte levantaronse 5 denuncias a peóns que circulaban sen facer uso da máscara. Dúas delas, tramitaronse contra veciños do Polígono de Torneiros e as tres restantes no casco urbano.

Dende a Concellería de Seguridade lémbrase á veciñanza do Porriño a obrigatoriedade de empregar a máscara de protección cando salgan ás rúas, aínda que sexa para baixar o lixo ou para coller o coche así como nas zonas comúns nos edificios de vivendas.

A Concellería de Cultura anuncia o Festival “Sons da canteira” que terá lugar en Vilafría

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Cultura, anuncia a celebración do festival musical “Sons da Canteira” que terá lugar o sábado 29 de agosto, no espazo en restauración que ocupou a canteira de Vilafría.

“Este festival de música galega que organiza o Concello nace con vontade de continuidade e supon que a modernidade da música galega entre nunha canteira en restauración no Porriño”, segundo valorou Cami Moreira, concelleira responsable.

Neste primeiro “Sons da Canteira”  haberá catro actuacións. Abrirá o dj e o artista multimedia Juanma LoDo. Polo escenario seguirán o grupo “Baiuca”, Mercedes Peón e o dúo Laura Lamontagne e PicoAmperio.  Todos eles empregarán (videomapping) proxeccións en vídeo contra a muralla de pedra que servirá de anfiteatro natural. Tamén colaborarán no festival catro componentes da Asociación “Os Penediños” de Atios.

Estableceronse estritos protocolos anti-Covid para garantir a seguridade de público e participantes. O aforo está restrinxido, a tan só 500 persoas, con espazos reservados para cadeiras e mesas pois poderáse comer namentres se miran as actuacións xa que haberá duas “food trucks”.

As localidades están á venda na páxina web www.woutick.es. Co prezo da entrada incluese o autobús que traslada aos espectadores dende a Avenida de Galicia, no Porriño, ata a canteira de Vilafría.

O Festival está programado para comezar ás 18 horas.

Deixamos ligazón coa páxina web do departamento de Cultura

Festival Sons da Canteira

O Concello colabora coa Seguridade Social para facilitar trámites para obter o Ingreso Mínimo Vital


O Concello do Porriño acadou un acordo coa Dirección Provincial do Instituto Nacional da Seguridad Social (INSS) para simplificar trámites aos solicitantes do Ingreso Mínimo Vital. A medida estrearáse a vindeira semana, segundo anunciou David Alonso, concelleiro de Emprego e Servizos Sociais.

Coa finalidade de evitar aos solicitantes desprazamentos e colas, o INSS solicitará por vía telemática os certificados de empadroamento históricos e colectivos, que é un trámite indispensable para pedir e acceder ao Ingreso Mínimo Vital.

“Deste xeito simplificanse as xestións aos demandantes que non terán a obriga de ter que acudir ao Concello xa que será a propia administración municipal a que se encargará de enviar os certificados á Seguridade Social”, manifestou o concelleiro. Neste senso, David Alonso agradeceu a colaboración de Fernando Alvarez-Blázquez, director provincial do INSS “polo que supon de axilizar trámites aos veciños e veciñas do Porriño evitandolles que corran riscos por causa da pandemia”, rematou o concelleiro.