O Concello do Porriño ven de aprobar as bases reguladoras para a concesión de bolsas destinadas a deportistas individuais federados, correspondentes ao ano 2026. Cunha partida orzamentaria global de 25.000 euros, o obxectivo desta convocatoria é recoñecer publicamente o esforzo e apoiar economicamente aos atletas locais que acadaron os maiores éxitos deportivos nos últimos anos.
Poderán beneficiarse das bolsas sinaladas nestas bases reguladoras, os deportistas que practiquen deportes individuais que reúnan os seguintes requisitos:
- Ser maior de idade.
- Estar empadroado dende hai un mínimo de dous anos no termo municipal do Porriño, salvo deportistas nacidos no Porriño e que teñan en vigor o recoñecemento de Deportista Galego de Alto Nivel (DGAN), en cuxo caso deberá achegar certificado da citada condición.
- Estar en posesión dun título de campión galego, español ou europeo conseguido nos últimos 5 anos (contados dende o 01/01/2021) no deporte no que actualmente estea federado. Cada un destes títulos será necesario para optar ás bolsas das categorías 1, 2 e 3 respectivamente (indicadas na base 3).
- Ter en vigor unha licenza federativa (galega ou española, e no deporte no que alcanzou o campionato) e ter licenza federativa na mesma federación polo menos dende a tempada anterior á actual. Dado que as distintas modalidades deportivas teñen un calendario de competicións diferente, para os efectos temporais de licenza destas bases, establécese o período que vai dende o 01/01/2025 ao 31/12/2026.Non estar a cumprir sanción firme por infracción disciplinaria ou administrativa en materia deportiva cualificada como grave ou moi grave.
- Non estar incurso en causa de exclusión ou prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións públicas (art. 13 da LGS).
- Atoparse ao corrente nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), a Axencia Tributaria de Galicia (en diante, ATRIGA), a Facenda Local (a través do Órgano de xestión tributaria e recadación de recursos locais, en diante, ORAL) e a Seguridade Social.
