– Este mércores, O Apalpador percorrerá a zona peonil

602 familias rexistráronse ata hoxe, último día do prazo, para que os seus fillos reciban unha videochamada dos Reis Magos, unha iniciativa do Concello do Porriño, organizada pola Concellería de Festas e Cultura, de acordo cos protocolos de seguridade que veñen obrigados pola pandemia.

“Este ano 2020, debido á alerta sanitaria motivada pola Covid-19, e sabendo que os Reis Magos tamén se modernizan, o Concello facilita que as Súas Maxestades de Oriente se poñan en contacto coa rapazada a través de vídeo chamada”, segundo explicou Cami Moreira, concelleira responsable.

Ademais, tendo en conta a posibilidade de que algunhas familias non poidan ter acceso a internet, o Concello fará chegar á vivenda indicada e no día acordado, un dispositivo electrónico para poder facer a conexión da vídeo chamada.

Visita do “Apalpador”

Por outra banda, a Concellería de Cultura lembra que este mércores 30, a partir das 19 horas, “O Apalpador” estará no Porriño. Percorrerá a zona peonil para saudar e falar cos nenos do porriñés para contarlles como é a vida na alta montaña e as súas marabillosas lendas.

A visita do Apalpador realízase coa colaboración da Deputación de Pontevedra.