• A Biblioteca Municipal do Porriño acolleu a mostra final deste obraoiro que puxo en valor a literatura

O Porriño, 08 de maio de 2026. O Concello do Porriño, a través da Biblioteca Municipal, estivo a desenvolver durante os meses de marzo e a abril o obradoiro de expresión e creación Libros que latexan, que convidou a veciñanza a transformar a lectura nunha experiencia viva a través de ferramentas de diferentes campos artísticos.

Este xoves, 7 de maio, a sala de lectura da Biblioteca, sita no primeiro andar do Centro Cultural Municipal do Porriño (Avda. Domingo Bueno, 9), acolleu a última sesión desta actividade, cunha mostra en aberto dalgúns dos procesos e materiais desenvolvidos ao longo das oito sesións do obradoiro.

O programa, impartido por Ana Abad de Larriva, coordinadora e dinamizadora do club de lectura municipal, estruturouse arredor de varios eixes temáticos (o latexo do espazo, das palabras, do corpo, da memoria e da voz, entre outros), que se interrelacionaron nun proceso lúdico e progresivo, combinando lectura sensorial, escritura creativa e expresión oral e corporal.

Ademais de fomentar a expresión e a creación nas persoas participantes e poñer en valor a vida dos libros, o obradoiro e esta mostra final aberta tamén reforzan o papel da Biblioteca Municipal como auténtica “casa dos libros” para a cidadanía: un lugar de encontro, relación, aprendizaxe permanente e intercambio creativo que contribúe ao desenvolvemento persoal e colectivo.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacara xa na presentación de Libros que latexan a importancia desta iniciativa cultural, que promove a participación e reforza o papel da biblioteca como motor social: “Queremos que a nosa Biblioteca sexa moito máis que un lugar de préstamo de libros; queremos que sexa un espazo vivo, onde a cultura se comparta, se experimente e se cree en comunidade. Libros que latexan representa perfectamente esa filosofía: ler, sentir e transformar as historias en experiencia compartida”.