Eva García de la Torre vén de anunciar este mediodía un acordo cos concelleiros do BNG e de EU Son para súa investidura como alcaldesa de O Porriño que tamén apoiará Manuel Carrera, concelleiro electo por UDDL. Deste xeito a actual alcaldesa será reelecta con maioría absoluta cos votos do PSOE (4), BNG (2), EU Son Porriño (2) e UDDL (1) que sumarían 9 fronte ós 8 do PP.
O acordo para a investidura de Eva García negociouse nas dúas últimas semanas e ainda hoxe continuarán os contactos para concluir os flecos.
Por outra banda a alcaldesa tamén informou que despois da sesión constitutiva da nova corporación municipal que terá lugar mañá, “continuarán as reunións para a formación dun goberno de progreso que en principio será co BNG”, declarou Eva García.
A sesión constitutiva da nova corporación comezará ás 12 horas. O concelleiro de maior idade e o máis novo formarán a mesa de idade que xunto co secretario municipal presidirá a sesión. Despois da toma de posesión dos 17 concelleiros e concelleiras mediante xuramento ou promesa da Constitución, procederase a votación para elección da alcaldesa que unha vez investida pronunciará un breve discurso e pechará a sesión.