Unha xornada do Cristo inesquecible na que a forza de Sés, a emoción de Fandi e o espectáculo da París de Noia prepararon o terreo para a tolemia final

Emocionante xornada de venres de Festas no Porriño, en especial para os amantes da música, con varios estilos repartidos en diferentes escenarios e diferentes xeracións gozando da música.

A xornada musical arrancou pola porta grande da man de Sés, que ofreceu un concerto vibrante e directo ao corazón do público. Dun xeito próximo, potente e rotundamente reivindicativo, a artista da Coruña deuno absolutamente todo sobre as táboas, conectando desde o primeiro minuto coa praza e despedíndose cunha promesa que fixo aplaudir a todos os presentes: ameazou con volver moi pronto.

A noite continuou polo alto coa orquestra París de Noia. A formación volveu deixar patente a súa enorme profesionalidade e espectáculo, poñendo a bailar ao Porriño como poucas veces se ten visto nunha auténtica ecatombe de ritmo e luz.

Un dos momentos máis emotivos da xornada levou a sinatura de Fandi. O artista encandeou ao público e non puido ocultar a súa emoción ao xogar, literalmente, en casa —cabe lembrar que conta con fondas raíces na parroquia de Carracido—. O punto álxido do seu show chegou coa proxección do vídeo de Juaniña e arrancou coa súa canción favorita, dedicada ao Porriño, un xesto agarimoso que puxo os pelos de punta a máis dun.

Pero a verdadeira tolemia aínda estaba por chegar. Trala presentación sobre o escenario do alcalde, Alejandro Lorenzo, quen xa avisaba ao público cun «preparados porque vén algo moi grande», desatouse a catarse colectiva coa entrada en escena de D. Valentino. A chavalada, móbiles en man para non perder nin un segundo do momento, ruxiu coa saída do artista nun aparcadoiro do Progreso absolutamente entregado.

A xornada completouse coas actuacións de Samu Pexe, Sneaky WH, Pitty e Shameless, que mantiveron o ritmo e o ambiente no máis alto, consolidando unha noite de festa redonda e inesquecible no Louro Valley. Outra edición de 10.