- O prazo para presentar as solicitudes de autorización estará aberto ata o 15 de xuño.
- O documento establece estritas medidas de seguridade, dimensións máximas para as fogueiras e a prohibición de queimar materiais contaminantes ou tóxicos.
O Porriño, 22 de maio de 2026. O Alcalde do Concello do Porriño dictou un bando municipal co obxectivo de regular a celebración das tradicionais fogueiras da noite de San Xoán, que terá lugar entre o 23 e o 24 de xuño. A resolución busca garantir a seguridade dos asistentes e previr posibles danos en bens públicos e privados ante o aceso masivo de lumes na vila.
O bando recolle unha serie de normas de obrigado cumprimento para todas as persoas ou entidades que desexen organizar unha fogueira, regulando aspectos que van dende a súa localización e tamaño ata os materiais permitidos e o procedemento de solicitude.
Medidas de seguridade
As fogueiras deberán situarse sempre en lugares despexados, respectando unha distancia mínima de 15 metros con respecto a calquera edificación ou árbores. O bando fixa que a zona de combustión non poderá superar os 4 metros de ancho nin os 2 metros de altura. Así mesmo, o público asistente terá que manter unha distancia de seguridade como mínimo igual ao ancho da fogueira respecto do seu perímetro exterior.
Para a combustión unicamente se autoriza o uso de leñas, polas, toros de árbores e vellos materiais de madeira. Queda totalmente prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites ou calquera substancia que desprenda fumes tóxicos, así como guindar recipientes que contivesen líquidos inflamables ou gases a presión (sprays).
Tampouco se permitirán lumes baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, nin en solo rústico de protección forestal ou de espazos naturais. O Concello aclara que este bando non se aplica á queima de restos agrícolas ou forestais, cuxa competencia corresponde á Xunta de Galicia, polo que non se poderán utilizar estes materiais nas fogueiras de San Xoán.
Protección do espazo público e extinción
No caso de que as fogueiras se realicen sobre terreos públicos lousados, asfaltados ou pintados, a organización deberá protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros de espesor en toda a superficie.
A vixilancia do lume será responsabilidade dos solicitantes ata a súa total extinción, que se asegurará empapando os restos con auga ata que as cinzas queden completamente apagadas. As persoas organizadoras deberán ter a man os teléfonos de Bombeiros (080) e Emerxencias (112). A Policía Local e as autoridades competentes vixiarán o cumprimento da norma e poderán ordenar a extinción inmediata ante calquera risco ou alerta meteorolóxica.
As persoas interesadas en organizar unha fogueira deberán presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica.
- Prazo: Dende o día seguinte á publicación do bando ata as 23:00 horas do 15 de xuño de 2026. Non se admitirán solicitudes fóra de prazo.
- Documentación: Deberanse achegar os datos da persoa responsable, teléfono de contacto, fotocopia do DNI e a localización exacta do evento.
- Data única: Só se autorizarán lumes para a noite do 23 ao 24 de xuño.
20260520_Publicación_Bando_BANDO FOGUEIRAS SAN XOAN 2026


