Este mércores presentouse no campo de fútbol Lourambal a nova Escola Celta Integra Zelnova de Aceesca, unha iniciativa orientada a promover a inclusión social, a saúde e a autonomía persoal das persoas con discapacidade intelectual a través do fútbol. O acto comezou cunha sesión de adestramento das persoas participantes, seguida da presentación institucional da nova escola.
Esta iniciativa xorde do acordo de colaboración entre a Fundación Celta e a Asociación Empresarial da Discapacidade IN-RED, entidade da que Aceesca forma parte. Ademais, o proxecto encádrase dentro da programación conmemorativa con motivo do 10º aniversario do programa Celta Integra.
Unha nova aposta polo fútbol inclusivo
A Escola Celta Integra Zelnova contará coa participación de 18 persoas de Aceesca, con idades comprendidas entre os 15 e os 53 anos. Ao longo do ciclo 2026-2027, as persoas participantes realizarán unha sesión de adestramento semanal no Campo Municipal do Lourambal, dirixida de forma integral polo equipo de técnicos deportivos da Fundación Celta de Vigo.
A experiencia supón tamén unha oportunidade para gozar do deporte e reforzar as relacións dentro do grupo. “Gústame moito, pásoo moi ben e axúdame a relacionarme cos meus compañeiros”, explica Laura Ferreira, participante da Escola Celta Integra Zelnova.
A iniciativa pretende xerar espazos de participación a través do deporte e contribuír a eliminar barreiras e transformar a percepción social da discapacidade, poñendo en valor as capacidades e o dereito de todas as persoas a participar activamente no seu contorno.
Presentación da nova escola no Porriño
Tralo adestramento tivo lugar o acto de presentación, que contou coas intervencións de representantes da Fundación Celta, IN-RED, Zelnova Zeltia e o Concello do Porriño.
Durante a súa intervención, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor a chegada do proxecto ao municipio e a traxectoria de ACEESCA: “É un orgullo ver como un proxecto tan sólido como o do Celta Integra Zelnova crece aquí, a través dunha asociación como Aceesca, que leva máis de 40 anos demostrando que esa integración é posible”.
Este modelo de colaboración impulsado no marco da alianza con IN-RED esténdese tamén á comarca do Val Miñor coa posta en marcha dunha escola similar no Centro Juan María de Nigrán.


