A Concellería de Vías e Obras remata os traballos no barrio da Igrexa, en Pontellas, cunha nova estrada máis ancha e segura e a extensión da rede municipal de saneamento ás vivendas da zona

A Concellería de Vías e Obras vén de concluír os traballos de mellora  no barrio da Igrexa, na parroquia de Pontellas que, como sinala Manuel Carrera, abrangueron o pavimentado e sinalización no lugar no que se transformara un camiño nunha nova estrada “moito máis e ancha, segura e transitable por vehículos e peóns”, e a extensión da rede municipal de saneamento ás vivendas da zona.

O tenente de alcalde salienta que esta é “unha das as obras máis importantes executadas neste mandato na parroquia de Pontellas” dado que supón unha notable mellora tanto dos accesos coma da comunicación dentro do barrio da Igrexa , así mesmo, “seguir cumprindo o noso compromiso de levar o abastecemento e saneamento a todos os lugares do Porriño”, un obxectivo no que neste mandato avanzouse máis que en ningún outro.

Os traballos, rematados nun mes e que contaron cun orzamento de 47.633,71€ de fondos propios do Concello, consistiron no pavimentado de preto de 3.000 metros cadrados, cun firme e 5 centímetros de grosor, a ampliación de la rede de saneamento incorporando unha nova tubaxe de 315 milímetros de diámetro, a sinalización de toda a vía e a incorporación dunha varanda de 30 metros na zona.

O Concello anchea, ata os 10 metros, a estrada que da entrada al CEIP de Atios, en Catro Camiños, un dos lugares máis transitados da parroquia

A parte do vial do lugar de Catrocamiños que da entrada ao CEIP Plurilingüe de Atios, terá a partir da semana que vén un ancho de 10 metros, “o establecido pola lei”, logo do remate dos traballos que están a realizarse neste lugar.

Os mesmos, sinala o tenente de alcalde, Manuel Carrera, foron posibles logo da cesión desinteresada dos veciños de parte dos seus terreos que, logo da retirada de muros, permitiron, “o ancheado e pavimentado desta estrada, unha das máis transitadas da parroquia”.

Carrera indica que esta obra,que contou cun orzamento superior aos 10.000€ procedentes de fondos municipais, realizouse con persoal contratado con cargo á axuda da Deputación de Pontevedra, e traballadores do Concello e forma parte do Plan de Mellora de Viais, Camiños e Estradas Municipais posto en marcha polo actual Goberno local.

En funcionamento a nova rotonda de A Costeira e a ordenación da zona entre Cerquido e Budiño, que ten un elevado índice de accidentes de tráfico

A alcaldesa, Eva Garcia de la Torre, xunto con Uxío Benítez, deputado provincial de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, e o concelleiro de Vías e Obras, Manuel Carrera, supervisou hoxe as obras realizadas polo organismo provincial para reordenar o tráfico e mellorar a seguranza viaria na estrada provincial EP-2405 entre Cerquido e Budiño, no lugar de A Costeira.

García de la Torre  salientou que a obra supón “unha mellora ostensible” na ordenación da zona e asegurou que “coa construción da rotonda evítase a altísima sinistralidade que había tal e como estaba configurado o espazo. Agora os viandantes e as persoas usuarias adaptáronse perfectamente á existencia da glorieta, o que dá idea da necesidade que había de facela”.

Para o responsable das infraestruturas provinciais a nova glorieta ven a redistribuír a circulación e calmar a velocidade nunha intersección que ata o de agora era moi perigosa e fora escenario de diversos accidentes.

Benitez subliñou que a actuación en A Costeira incluíuse dentro do Plan de Interseccións  da Estratexia de Mobilidade 3.0 da Deputación, que ten como un dos seus obxectivos prioritarios eliminar a violencia viaria e os puntos negros de toda a rede de estradas provincial.

Os traballos de mellora consistiron principalmente na ampliación do radio de curvatura da estrada principal, preto da conexión da EP-2405 da Deputación co parque empresarial das Gándaras, á altura do Centro Tecnolóxico do Automóbil de Galicia.

Doutra banda, urbanizouse a zona con beirarrúas para prestar continuidade ao tránsito peonil, habilitáronse pasos de peóns e baixouse a velocidade máxima de 50 a 30 quilómetros hora. Tamén se solucionaron as drenaxes mediante a remodelación de beiravías e sumidoiros e instaláronse oito luminarias tipo led sobre columnas de nove metros, catro na propia glorieta e outras catro nas inmediacións da intersección.

O orzamento global ascendía inicialmente a 220.336,36€, sendo 21.534€ destinados a expropiacións e o resto á execución da obra. Finalmente a licitación pechouse por un prezo de 132.719,68.

24 vivendas maís do barrio de A Gándara, en Torneiros, poderán conectarse á Rede Municipal de Abastecemento dende principios de outubro

Un total de 24 vivendas do barrio de A Gándara, en Torneiros, que ata hoxe eran usuarias da traída veciñal, poderán conectar coa Rede Municipal de Abastecemento  en canto rematen os traballos que está a realizar nesta zona a Concellería de Vías e Obras.

O tenente de alcalde, Manuel Carrera subliña que “as veciñas e veciños desta zona poderán ter servizo de auga potable, logo dunha modificación orzamentaria impulsada dende o Goberno local, á que opúxose o Partido Popular”, dado que se fixera pouco tempo despois de que o Pleno aprobase os orzamentos municipais, os primeiros que ten O Porriño en seis anos.

Maila a esta oposición do PP, os residentes de A Gandara  terán acceso ao saneamento municipal, “algo que era debía de facer este Goberno local e que será unha realidade a principios do mes que vén”.

Para que sexa así, vanse instalar 416metros lineais de tubaxe e se completarán 16 acometidas, que rematarán cuns traballos iniciados a principios de setembro e que contan cun orzamento de 36.000€.

A Concellería de Vías e Obras, coordinando os seus traballos cos de asfaltado que realiza a Deputación na EP-2405, leva o saneamento a 11 vivendas do barrio de Casal, na parroquia de Budiño

A Concellería de Vías e Obras, simultaneando os seus traballos cos de asfaltado que a Deputación de Pontevedra está a realizar na estrada EP-2405, ao seu paso polo barrio de Casal, na parroquia de Budiño, está a levar o saneamento a 11 vivendas deste lugar.

Manuel Carrera lembra que para poder realizar esta obra o Goberno local aprobara, pola vía de urxencia, a redacción dun proxecto que supuxo impulsar unha modificación orzamentaria “moi criticada polo Partido Popular”, dado que se fixera pouco tempo despois de que o Pleno aprobase os orzamentos municipais, os primeiros que ten O Porriño en seis anos.

“Pois ben”, engade o tenente de alcalde, “grazas a ese proxecto e esa modificación orzamentaria, que era necesaria, en contra do criterio amosado polo PP, as veciñas e veciños desta parte de Casal verán cumprida unha antiga demanda e, o que é moito máis importante: terán acceso ao saneamento, que é o que tiñamos que garantir dende o Concello”.

Carrera subliña que para que isto sexa unha realidade vanse instalar 518 metros lineais de tubaxe de 315 mm de diámetro, se completarán 11 acometidas, remataremos 19 pozos de rexistro e 5 sumidoiros de pluviais, ademais de varios ‘cruzamentos’ de  abastecemento para vivendas que precisaban pasar á outra parte da estrada para acceder á rede municipal.

Manuel Carrera amosa a súa “ledicia” por cumprir cunha demanda de hai anos das veciñas e veciños e agradece á Deputación de Pontevedra que “atendese, de novo, as nosas solicitudes” arranxando unha estrada que ten treitos que non se tocaban dende hai máis de 10 anos.

As obras que comezaron hai dúas semanas e que contan cun orzamento total de 50.000 euros, estarán rematadas a principio do vindeiro mes de outubro.

O Goberno local remata os traballos de mellora e reforma da zona do Torreiro da Forna, na parroquia de Budiño

A Concellería de Vías e Obras que dirixe Manuel Carrera, vén de facer realidade o compromiso que o propio concelleiro adquirira coas veciñas e veciños de Budiño, e rematou os traballos de reforma do Torreiro da Forna.

As obras abrangueron o axeitamento do propio torreiro, a pavimentación da zona a colocación de beiravías de formigón, a mellora da zona de aparcamento de vehículos, a situación dun paso peonil, ademáis da recollida de augas pluviais do Centro Cultural e a colocación dunha nova tubaxe de saneamento.

Manuel Carrera subliña o feito de que os traballos fixéronse con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra 2017 e que os mesmos contaron cun orzamento total de máis de 45.000€, “cos que non so recuperamos un lugar que é o centro das festas de San Blas, senón que melloramos e enriquecemos unha parte da parroquia de Budiño especialmente querida polos seus habitantes”.

Os traballos de recuperación da antiga Escola Unitaria de Covelo, en Atios, a piques de rematar, logo da colocación das novas fiestras, portas e persianas

As obras de recuperación da antiga Escola Unitaria de Covelo, na parroquia de Atios, están chegando á súa finalización logo dun traballo levado a cabo polas concellerías de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, e de Emprego e Formación e Benestar, a fronte das cales está Soledad Girón.

Precisamente, a Concellería de Vías e Obras vén de rematar a colocación das fiestras, portas e persianas no inmoble, cun investimento total de 24.000€ con cargo ao ‘Plan Concellos’ da Deputación de Pontevedra.

Manuel Carrera sinala que as novas fiestras son de PVC, de cor branca no interior e alumiño no exterior, “gardando a estética xeral deste edificio que finalmente podemos dicir que vaise a recuperar para as veciñas e veciños de Atios”.

Novo tellado

O alcalde accidental lembra que “xusto hai un ano”, substituímos o tellado que, daquela, estaba nun estado de total deterioro, polo que era “moi urxente” mudalo dada que as filtracións poderían causar o derrubo do mesmo.

Carrera subliña que, coma neste caso, aquela obra fíxose con cargo a dúas achegas da Deputación de Pontevedra, que abranguía a colocación dunha nova cuberta metálica de 3.800 quilos de peso, con tella cerámica sobre unha superficie total de 390 metros cadrados, para o cal dispúxose dun orzamento total de 60.080,71€.

Os traballos para levar o saneamento aos novos vestiarios e aos baños públicos do Campo do Atios estarán rematados este mes

A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, está realizando dende hai unha semana os traballos para levar o saneamento aos novos vestiarios e aos baños públicos do Campo de fútbol de Atios.

Carrera apunta que as obras contan cun orzamento total de 30.000€ e abranguen o ancheamento da estrada, dende a popularmente coñecida coma ‘chegada do Carballo’ ata a Travesía de Novás, un treito de máis de 200 metros, “o cal mellorará a entrada e saída de vehículos dende o campo de fútbol”.

Os fondos para acometer estes traballos, como subliña o alcalde accidental, corresponden ao ‘Plan Concellos’ da Deputación de Pontevedra, e a previsión é que os mesmos estean rematados a finais deste mes de agosto.

O Goberno local xa tomara medidas, hai días, para arranxar os dous puntos deteriorados da beirarrúa de 2 quilómetros de Pontellas que empezará a repararse pasadas as Festas de San Campio

O tenente de alcalde e concelleiro de Vías e Obras, logo da denuncia do PP local sobre o estado das beirarrúas feitas hai un ano na parroquia de Pontellas, sinala estaba xa ao tanto desta situación e que en canto tivo coñecemento da mesma “púxeme en contacto co que fora director desta obra, cos técnicos municipais e coa empresa que realizou os traballos para arranxar este problema”.

Manuel Carrera subliña que o ‘deterioro’ ao que se refire o PP local “está localizado en dous sitios concretos” dunha beirarrúa que mide máis de 2 quilómetros e que, dacordo coas primeiras análises do mesmo, trátase dunha circunstancia “atípica”, que vaise arranxar axiña.

Carrera reitera que xa hai días que falou coa empresa fixera a obra que “tomará as medidas precisas e levará a cabo as reparacións que sexan necesarias en canto rematen as Festas de San Campio”.

O concelleiro de Vías e Obras engade que “agradezo ao PP que estea pendente destas circunstancias, coma fan os veciños, e que vele pola seguridade e integridade das porriñesas e porriñeses porque iso si é facer política en positivo”.

A Concellería de Vías e Obras acomete a mellora de camiños en Pontellas que completan os traballos de saneamento realizados nesta mesma parroquia en febreiro

A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, vén de acometer, con cargo á subvención do ‘Plan Marco 2018’, da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a mellora de camiños na parroquia de Pontellas, unha vella reivindicación dos veciños da mesma que, salienta Carrera, agora faise realidade.

Nos vindeiros días rematarase o asfaltado, cunha capa de calidade D12, de 5 centímetros de grosor, e sinalización das liñas horizontais da calzada, nos camiños de O Corzón, onde se completará unha superficie de 1.000 m2; A Rotea, con 1.680 m2, Abelenda e a contorna do Torreiro de San Pelaio.

Completan as obras de saneamento realizadas en febreiro

En total estes traballos contan cun orzamento de 63.367,70€, e veñen a completar os acometidos pola Concellería de Vías e Obras, en febreiro deste mesmo ano, que consistiron na colocación dun total de 190 metros lineais de tubaxes para o saneamento, 10 metros de colectores para recollida de pluviais e 6 pozos de saneamento, cun investimento de 15.000 €, todo, lembra o tenente de alcalde, “cuberto con fondos municipais”.

Manuel Carrera subliña que esta nova obra non podería realizarse sen a inestimable colaboración de varios veciños da zona que cederon, “de xeito desinteresado e para beneficio do ben común”, parte dos terreos que permitiron aumentar  o ancho destes camiños “mellorando deste xeito a seguridade para vehículos e peóns”.