Doazón de milleiros de máscaras e luvas feita pola empresa “Dis Rivas” que o Concello distribuirá entre a hostalería e usuarios de Servizos Sociais

A empresa “Distribucións Rivas” fixo entrega hoxe ao Concello do Porriño dunha doazón de 33.600 máscaras cirúrxicas e 270.000 unidades de luvas desbotables. O material de protección doado por “Dis Rivas” será repartido, a través da Policía Local entre os establecementos de hostalería e usuarios de Servizos Sociais e do Banco de Alimentos “SOS Porriño”.



A alcaldesa Eva García, acompañada da concelleira de Seguridade, Lourdes Moure e do Inspector Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez acudiron as instalacións de “Dis Rivas” no polígono de Cataboi. José Luis Suárez, director xeral, o seu fillo, Iván Suárez, director financeiro, e Benjamín Castillo, director comercial realizaron a entrega. O encontro serviu tamén para que a delegación municipal coñecera as modernas instalacións desta empresa de distribución que estrearon hai tres meses, e nas que traballan máis de 30 persoas.
A alcaldesa agradeceu a doazón realizada por “Dis Rivas” á veciñanza e eloxiou o traballo realizado por esta empresa que elixiu O Porriño para desenvolver unha forte inversión de máis de 3 millóns de euros.

Dous axentes da Policía Local evitaron un suicidio desde unha ponte no polígono das Gándaras

Dous axentes da Policía Local do Porriño evitaron onte o suicidio dunha persoa que estaba na varanda da ponte de acceso á Autovía A55 co polígono das Gándaras. Grazas á colaboración cidadá recibiuse aviso de que unha persoa estaba agarrada pola parte exterior da varanda da ponte, “con claras intencións de arroxarse cara a vía do tren”, segundo sinala o atestado. Cando a patrulla policial chegou atoparon esa situación e tamén a un grupo de persoas que, a unha distancia prudencial, intentaban convencelo para que non se tirara. Nese intre circulaba un tren por debaixo da ponte.
Os dous axentes actuaron con rapidez e destreza. Mentes un deles empezou a falar coa persoa que pretendía tirarse, o outro policía agarrouno polos brazos e o pescozo para evitar que se lanzase e puideron retiralo da zona de perigo ata que chegou unha ambulancia e tralasdouno ata o Centro de Saúde.
A persoa protagonista desta tentativa de suicidio identificouse como un veciño de Salceda de Caselas, de 47 anos.

A concelleira de Seguridade deu a benvida aos novos voluntarios que realizaran prácticas na Agrupación de Protección Civil do Porriño

Seis voluntarias e voluntarios que realizaran as súas prácticas de formación en atención de emerxencias, comezarán mañá mércores na Agrupación de Protección Civil do Porriño, ás ordes de Suso Gónzalez “Carrola”, responsable da unidade.

Están a realizar o curso de FP “Atención Sanitaria a múltiples vítimas e catástrofes” para obter o certificado de profesionalidade no ámbito da atención sanitaria. Os alumnos e alumnas, de idades comprendidas entre 22 e 50 anos, comezaron en febreiro a súa formación teórica que, agora, van completar con as prácticas na Agrupación de Protección Civil do Concello do Porriño.


Lourdes Moure, concelleira de Seguridade, encargouse de darlles a benvida ao Concello do Porriño onde cada un deles realizarán 120 horas de prácticas atendendo accidentes, emerxencias, servizos de orde en probas deportivas e outros eventos.

Estas prácticas realízanse ao abeiro dun convenio entre o centro de formación CIFP Manuel Antonio, de Vigo, e o Concello do Porriño.

Na presentación dos voluntarios, acompañaban á concelleira de Seguridade, o Inspector Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez, o responsable da Agrupación de Protección Civil, Suso Gónzalez Pexegueiro, e a titora dos alumnos, María del Carmen López, en representación do CIFP Manuel Antonio. 

O Concello amosa a súa condolencia polo falecemento de Alvaro Cunqueiro que fora xefe da Policía Local

A alcaldesa, Eva Garcia; a concelleira de Seguridade, Lourdes Moure e o Inspector Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez acudiron esta mañá ao Tanatorio de Redondela a dar testemuña da condolencia do Concello do Porriño pola perda de Alvaro Cunqueiro, falecido onte aos 78 anos. Tamén esta tarde, unha delegación municipal acudirá ao funeral que se celebrará na igrexa de Santa María do Viso (18 horas). 

Cunqueiro chegou a Porriño procedente de Vigo e estivo en activo 25 anos, período no que fora xefe da Policía Local do Porriño ata a súa xubilación en 2008.

Na imaxe adxunta, sen dúbida histórica, aparece xunto co anterior alcalde, Xosé Manuel Barros, o anterior presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor; o viceprresidente, Xosé Luis Barreiro Rivas e co gobernador civil da provincia, daquela Virginio Fuentes. 

Adif comunica que debe retomar os traballos de mantemento que afectarán ao tráfico na área do paso a nivel

 

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) comunicou ao Concello do Porriño que hoxe o luns 22, debe retomar os traballos de mellora na área ferroviaria que motivará a repetir os recortes e desvíos do tráfico de vehículos na contorna.
As restricións serán entre as 23 horas desta noite e as 6 horas da mañá do martes 23.

Para executar esas tarefas manterán as barreiras baixadas para interromper tanto o tráfico ferroviario como o tráfico de vehículos a motor, polo que se habilitarán desvíos, de novo.

A Policía Local informa que serán os mesmos que lembramos:
– A rúa Peña será cortada na Rotonda da Central para os vehículos que proveñen da rúa Estación, que, polo tanto, deben circular pola rúa Ramiranes.
– Os vehículos que circulen pola rúa Cando deben ir á rotonda da Central e continuar obrigatoriamente pola rúa Ramiranes.
– E os vehículos que circulen pola Avenida Bos Aires deben continuar pola rúa Progreso.

Estes desvíos serán sinalizados e controlados pola Policía Local.

A concelleira de Seguridade entregou as tarxetas acreditativas das voluntarias da campaña de control da poboación felina

Lourdes Moure, concelleira de Seguridade, asistida por Daniel Rodríguez, inspector xefe da Policía Local, entregou hoxe as tarxetas acreditativas ás voluntarias e voluntarios que participan na campaña de control da poboación felina que promove o Concello.  Deste xeito, existe un rexistro de control para o coñecemento da Policía Local e para cumprir o que esixe a normativa vixente da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra banda, a concelleira informou de que o acordo para a esterilización da poboación felina xa se renovou por segundo ano.  Contratouse cunha clínica veterinaria local que nesta ocasión será “Lupus”, á que se adxudican 3.000 euros por estes traballos.