Remata o ciclo “As Mulleres fan Porriño” con Mabel Lozano e o seu documental “El Proxeneta”

Mabel Lozano presentará este serán (19,30 h) no Círculo Recreativo e Cultural a súa película “El Proxeneta, paso corto, mala leche” que investiga na trata de mulleres con fins de explotación sexual.

O relato baséase na testemuña de “El Músico”, alcume dun proxeneta arrepentido que relata as artimañas que desenrolou para convertirse nun dos máis importantes xefes da trata de mulleres en España. De feito foi condenado e cumpriu 3 anos de cárcere por captar e esclavizar unhas 1.700 mulleres.

Con este documental, Mabel Lozano prosegue a súa loita contra a prostitución dende a súa reconversión en escritora e cineasta, como proxección da súa condición de intensa activista do feminismo.

“As Mulleres fan Porriño” Interesantísimo coloquio con Leire Pajín, Carla Reyes e Carmen Avendaño

Leire Pajin, Carla Reyes e Carmen Avendaño compartiron as suas reflexions sobre a loita pola igualdade no coloquio que protagonizaron anoite dentro do ciclo “As mulleres fan Porriño”. As tres ponentes foron presentadas por Eva García, alcaldesa da vila quen agradeceulles a súa presenza no Centro Cultural Municipal así como ó numeroso público asistente.

Leire Pajín, ex ministra de Igualdade entre 2011 y 2012 definiu a situación actual como dunha “certa contradicción”. “O vaso podese ver medio cheo ou medio baleiro”, dixo. “Resulta extraordinaria a fortaleza do feminismo grazas á conexión global entre millons de mulleres que producen movementos como “Me too” que xurdiou en USA cunha enorme transversalidade”. “Sen embargo aparecen inquedantes ameazas que pretenden dividir o movemento feminista, provintes de opcions políticas de ultradereita e de quén se prestan a normalizarlles como vimos de ver en Andalucía”, engadiu a ex ministra.

Pola súa banda, a xornalista Carla Reyes, colaboradora de TVG, Onda Cero e outros medios así como presidenta da asociación “Executivas Galicia” reivindicóu a importancia de que as mulleres accedan ó mercado laboral. “A independencia económica conduce ás mulleres á libertade de decidir o seu futuro incluso nas situacions de violencia de xénero por que poden emanciparse do seu opresor”, engadiu. A presidenta da asociación de directivas empresariais de Galicia lamentou que neste intre político “poida contaminarse a reivindicación das mulleres. “Dame moítima mágoa que a loita pola igualdade se teña convertido en arma arroxadiza entre os partidos nesta longa campaña electoral”.

Por último Carmen Avendaño, presidenta da Fundación “Érguete” relatou a súa particular loita pola igualdade dende a perspectiva das “nais contra a droga”, o movemento do que a activista viguesa ten sido adalid. “Éramos un grupo de nais de rapaces con adiccions que tivemos que facer frente a un problemón; tivemos que facer unha cátedra dende a ignorancia” dixo Avendaño quen tivo unha lembranza moi agarimosa coa porriñesa Dori, “un dos pilares de ‘Erguete’.

Porriño, concello amigo da infancia, presenta a programación “Vive a cultura urbana”

“Vive a Cultura Urbana”, programa de ocio activo dirixido á mocedade que escomenzará o vindeiro venres 15 “é un xeito de darlle máis dimensión ó feito de que Porriño fose nomeada ‘Cidade Amiga da Infancia’ por UNICEF” manifestou a alcaldesa na rolda de prensa celebrada hoxe no Concello porriñés. “De xeito que queremos prestar máis atención á franxa de idade de nenos de más de 11 anos que entran na adolescencia, a fin de que dispoñan de opcións de lecer axeitadas e saudables”, sinalou Eva García.

A programación está organizada en dous bloques: Deportes Urbanos e Música e Arte Urbana. Ofrécese a oportunidade ós mozos e mozas que participen de coñecer ata 12 disciplinas diferentes coma Breakdance, Parkour, Grafitti, Beatbox, Rap e outras, a través de diversos obradoiros distribuídos en seis datas que serán os venres de marzo, abril e maio. En total se sumarán 20 horas de actividade. Todas elas se van desenrolar na pista deportiva do parque infantil sito ó carón do cemiterio.

“Vive a Cultura Urbana” rematará cun festival musical que terá lugar o 3 de maio.

Pablo Castiñeira, director de “Vella Escola”explicou que “ó fin e ó cabo tratamos de achegar unha alternativa a outros tipos de ocio ligados ó consumo do alcohol ou dun lecer nada constructino ni activo”.

“Vive a cultura urbana” pretende fixar hábitos saúdables entre a mocedade; crear oportunidades profesionais que favorezan o emprendemento xuvenil e, finalmente, permitir o libre exercicio e disfrute de ocio como experiencia humana integral, sistema de protección social e factor de desenvolvemento humano. Na presentación do programa estiveron presentes tamén Lourdes Moure, concelleira de Educación e Noelia De la Fuente Pérez, responsable da OMIX.

Renovado o convenio co Circulo Recreativo e Cultural

Eva García, alcaldesa de O Porriño firmou coa presidenta do Círculo Recreativo e Cultural da vila, a renovación do convenio anual de colaboración entre ambalas dúas entidades. A firma realizouse no despacho da Alcaldía e revalida o convenio para o presente ejercicio de 2019 por un importe de 20.000 euros. A achega económica do Concello prodúcese pola cesión das instalacions do Círculo para acoller actos da programación municipal como está a ocurrir nesta semana con alguns dos eventos programados na campaña “As mulleres fan Porriño”.

De cara a 2020, a alcaldesa Eva García tratou con María José Gónzalez, a presidenta do Círculo a posibilidade de ampliar a achega económica municipal.

O público disfrutou da actuación das Pandereteiras de Fonteliño Rueiras

A sala do Centro Cultural Municipal estivo chea de público que disfrutou esta noite coa actuación das Pandereteiras Fonteliño que fixeron as delicias dos espectadores. O espectáculo programado pola Concellería de Servizos Sociais do Concello de Porriño inscríbese na campaña “As Mulleres fan Porriño” que se desenrola co gallo do Día Internacional da Muller ata o vindeiro 13 de marzo.

Mañan domingo 10 de marzo haberá outras dúas actividades complementarias que se desenrolarán no Círculo Recreativo e Cultural de Porriño. A partires das 18 h. un debate baixo o título: “Protagonistas… As Mulleres na música”. Intervirán Carlota Ojea, productora musical; Javier Becerra, xornalista da sección de Cultura de “La Voz de Galicia”; Xoana, cantante; Isabel Salgado, directora do documental “Poderías ser ela”, e Patricia Hermida, avogada especializada en dereitos de autor.

Ó redor das 20 h, cando remate o coloquio haberá un concerto a cargo de Xoana.

A Biblioteca Municipal do Porriño presenta un extenso programa anual de actividades con especial importancia da ‘Animación á Lectura’ e ‘Aprendizaxe Cidadá’

Ao longo do 2019 a Biblioteca Municipal do Porriño, que depende directamente da Alcaldía, desenvolverá un amplo programa de actividades gratuítas relacionadas coa “aprendizaxe permanente”.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, subliña que “trátase de accións formativas non académicas que teñen como obxectivo o desenvolvemento do cidadán no plano laboral, social e persoal”. García de la Torre sinala que  “cada vez hai máis persoas con inquietudes de aprendizaxe permanente, e a Biblioteca Municipal do Porriño tentará responder durante este ano a estas inquietudes cun complto programa de actividades”.

Alfabetización dixital,inglés, linguaxe de sinais…

Desta forma están programados cursos de alfabetización dixital para maiores, grupos de conversación en inglés de varios niveis, cursos de lingua de signos, cursos de español para inmigrantes, de ferramentas de Google, obradoiros de cociña sen glute, cursos para aprender a falar en público, club de lectura, un wiki-maratón, ou unha intensa colaboración cos centros de ensino do Porriño que se traduce en visitas escolares á biblioteca con formación no uso da mesma, charlas para a “busca, selección e uso de información en internet” ou obradoiros de ciencia para escolares.

Animación Infantil á Lectura

Ademais desta intensa programación relacionada coa aprendizaxe, a Biblioteca Municipal do Porriño tamén ten presentado o seu programa de animación infantil á lectura para o 2019, que recibe o nome de “A Contateca”. Unha programación que ofrece ata trinta actuacións ao longo do ano, converténdose nunha das máis variadas e extensas das bibliotecas galegas.

Dende este mes, todos os xoves ás 18:00 horas celebrarase unha actividade de animación distinta na biblioteca porriñesa. Haberá contacontos en galego e inglés, obradoiros para toda a familia, talleres participativos, actuacións con kamishibai e libros pop-up, etc.

A biblioteca destaca a gran variedade da proposta, toda articulada ao redor do libro e da lectura, pero na que se tratarán ademais temas como a intelixencia emocional, as tradicións populares, a igualdade de xénero, a concienciación mediambiental ou o bullying. A programación da ‘Contateca’ está pensada para familias e público infantil, de 0 a 12 anos de idade, destacando a realización de numerosas actividades pensadas especificamente para bebés.

Aposta pola innovación e compromiso

Con esta programación, salienta a alcaldesa,  biblioteca do Concello do Porriño redobra a súa aposta pola animación á lectura e o traballo cos veciños e veciñas, coa “intención de afianzarse como un servizo público innovador e comprometido coa súa comunidade”.

…de novo ‘Premio María Moliner’

Eva García de la Torre subliña que por este labor “a nosa Biblioteca Municipal vén de ser  recoñecida, de novo, nos Premios María Moliner de Animación á Lectura convocados polo Ministerio de Cultura e a FEMP, como unha das 350 mellores bibliotecas do Estado”. Unha distinción que a biblioteca porriñesa leva conseguido “¡nada menos que 14 veces!” entre os anos 2002 e 2018.

O Programa do ‘Entroido do Porriño 2019’ abrangue 5 días de troula, actividades para cativos, obradoiros, animación de rúa, música e disfraces

Maxia, música, animación na rúa, charangas, o tradicional Xogo da Ola, comparsas, obradoiros, mesmo chocolatadas, Drags e DJs…todo cabe na Programación do Entroido do Porriño 2019.

Os días clave das festas deste ano serán o sábado, 2 de marzo, no que terá lugar a ‘Lectura do Pregón’, ás 12:30 h. na Praza do Arquitecto Antonio Palacios, a cargo de dous históricos do entroido porriñés, Abel e Maxi.

Ás 14:00 h. será o momento do Xantar do Entroido, animado por charangas e DJs. Ás 16:00 h. empeza o 76º Xogo da Ola. Ás 17:30 h. está marcado o inicio do ‘Desfile de Comparsas’, co espectáculo ‘Lume’ a cargo de Troula Animación. Ao remate do desfile empezará na carpa do Roxy a ‘Festa Rachada’.

Outro dos días centrais será o mércores, 6. Esa xornada será a de despedida do Entroido e abranguerá o ‘Velorio da Sardiña’, no Centro Recreativo e Cultural, ás 17:00h. De seguido o ‘Enterro’, ás 19:00h. con saída do Centro Recreativo cara a Praza de Antonio Palacios. Seguirá a ‘LectUra do Testamento’, a cargo de Drag Star e, finalmente, na Ponte do Valo, a ‘Queimada e últimas vontades’.

Bases da convocatoria de premios ás comparsas participantes no Entroido do Porriño 2019

A Concellería de Festas do Concello do Porriño convoca o tradicional desfile de comparsas, dentro do programa de actividades do Entroido 2019.

As presentes bases rexerán a concesión de premios ás comparsas por participación nos desfiles programados polo Concello.

REQUISITOS XERAIS:

a) Participantes.-

Poderán optar aos premios establecidos nas presentes bases, todas aquelas comparsas integradas por un mínimo de 10 compoñentes, e poderán inscribirse en dúas modalidades:

Infantil: ata 12 anos.

Adultos: a partir de 13 anos en adiante.

O maior número de compoñentes por idades definirá a clasificación da comparsa na categoría infantil ou adultos.

Cada asociación ou colectivo únicamente poderá presentar unha comparsa en cada unha das modalidades.

b) Inscricións:

As inscricións deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello en impreso normalizado para esta finalidade, e achegarán a seguinte documentación de carácter obrigator

c) Prazo de inscrición:

As asociacións e colectivos participantes poderán inscribir as súas comparsas no Rexistro Xeral do Concello, no impreso normalizado que se achega ás bases, dende o luns día 11 de febreiro ata o mércores 20 de febreiro do 2019, ambos inclusive.

d) Importe dos premios a repartir:

A cantidade máxima destinada a premios de participación, para ambas modalidades no entroido establécese en 13.950 euros con cargo ao vixente orzamento municipal, aplicación orzamentaria 334.4800010 (RC Nº 249).

O importe dos premios determinaráse según o número de compoñentes da comparsa seguindo este desglose:

ADULTOS:

de 10 a 19 compoñentes………………….. 300 €

de 20 a 39 compoñentes………………….. 550 €

de 40 a 59 compoñentes …………………. 850 €

de 60 compoñentes en adiante……….. 1.000 €

INFANTIL:

Repetiráse a mesma estrutura.

O importe máximo establecido de 13.950 euros, repartiráse ata acadar esta cifra e seguindo rigurosamente a orde de inscrición.

Aquelas comparsas que desexen participar no Entroido fóra deste orzamento, poderán inscribirse pero sen opción a premio por participación.

e) Orde de participación:

Nos desfiles participarán en primeiro lugar as comparsas inscritas na categoría Infantil seguidas das comparsas de adultos e según a orde de inscrición no concurso.

Cada comparsa deberá levar un cartel que indicará o seu nome, o lugar que ocupa no desfile e o número de compoñentes.

f) Obrigas das comparsas:

As comparsas que aspiren ao premio de participación teñen a obriga de estar inscritas e participar nos desfiles do sábado e martes de entroido, e no acompañamento do enterro da sardiña o mércores de cinza.

g) Percorrido nos desfiles:

Os desfiles celebraránse nas datas e horarios sinalados no programa de festas do entroido.

Sábado: Partirá da rúa Antonio Palacios, desprazándose por Domingo Bueno, Praza San Sebastián e rematará na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

Martes: Partirá da praza San Sebastián e rematará na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

Enterro da sardiña: As comparsas participarán no acompañamento da sardiña co seguinte percorrido: Saída do Círculo Recreativo Cultural, continuando pola rúa Domingo Bueno, baixada pola fonte de San Sebastián seguindo por Manuel Rodríguez ata o Concello onde se procederá á lectura do testamento. De seguido rúa Peña e rematará perto do albergue de peregrinos (Paseo do Louro) onde se procederá á incineración.

O velorio terá lugar nas instalacións do Círculo Recreativo Cultural en horario de 17.00 horas ata ás 19.00 horas.

O testamento da sardiña será redactado polas comparsas pero sen carácter obrigatorio. Aquelas que desexen participar no testamento deberán presentalo no Centro cultural municipal en sobre pechado e dirixido á Concellería de Festexos, dende o luns día 11 de febreiro ata o mércores 20 de febreiro do 2019, ambos inclusive, en horario de 9.00 h. ata ás 14.00 h.

Estes percorridos e horarios poden ser obxecto de variación por causas meteorolóxicas.

h) Comité de observación e valoración de premios:

Este comité será nomeado mediante resolución da Alcaldía e terá competencias para a valoración das inscricións realizadas polas asociacións ou colectivos, cumprimento da documentación esixida según as presentes bases, desenvolvemento dos desfiles, descalificacións e asignacións dos premios según n.º de compoñentes, emitindo proposta de concesión de premios que será resolta por resolución da Alcaldía.

Estará formado por n.º impar de membros no que se incluirá, cando menos, un representante da Policía Local, un representante do departamento de Cultura e un representante da Concellería de Festas.

A participación supón a plena aceptación do disposto nas presentes bases e o incumprimento de calquera das cláusulas dará lugar á perda do dereito de optar aos premios de participación.

O Porriño amosa o seu orgullo polo Premio da Cultura Galega ao Festival de Cans, o primeiro festival de cinema que recibe esta distinción

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañou este venres ás veciñas e veciños de Cans que viaxaron ata o mosteiro de Montederramo, na Ribeira Sacra, onde Keka Losada -presidenta da Asociación Arela-, Alfonso Pato e a “Señora Alicia”, veciña de Cans que colabora activamente co festival, recibiron hoxe o Premio da Cultura Galega que outorga o Goberno de Galicia.

O xurado indicou que o galardón para Festival de Cans, está baseado no feito de que é “un encontro audiovisual de produción galega, onde outras manifestacións culturais tamén xogan un papel relevante. Organizado anualmente pola Asociación Cultural Arela, baixo a dirección de Alfonso Pato, na parroquia de Cans, coincidindo co festival de Cannes de Francia, en boa medida polo paralelismo entre os dous nomes. Cunha programación de curtas, estreas de filmes e documentais, coloquios con cineastas, rutas sonoras e diversas actividades que chegan actualmente a máis de 13.000 persoas, Cans convértese nun punto de encontro da creación galega emerxente e nunha gran plataforma de difusión dos novos creadores e creadoras.

García de la Torre amosou o orgullo de todas as veciñas e veciños do Porriño por esta distinción, “a máis importante no eido cultural que outorga o Goberno de Galicia e que, e isto ainda afonda máis o orgullo de ser do Porriño e o recoñecemento ao traballo da organización e dos veciños de Cans, é a primeira vez que se conceda a un festival de cine”.

A alcaldesa confirmou que o meu compromiso, como fixen dende que cheguei á Alcaldía”, é seguir incrementando a colaboración, “en todos os ámbitos”, dende o Concello do Porriño co Festival de Cans, empezando pola achega económica que, lembrou Eva García de la Torre, xa foi na edición pasada a máis alta da historia do festival.

Dende o día 10 ao 30 de xaneiro estará aberta no Centro Cultural Municipal a exposición de fotografía do 12º certame ‘Viaxando’

Do xoves 10 de xaneiro  ao  30 deste mesmo mes, poderá visitarse na OMIX do Concello do Porriño -na planta baixa do Centro Cultural Municipal-a  Exposición de fotografía “Viaxando” que mostra os traballos presentados ao 12º Certame de fotografía do mesmo nome.

Este Certame, que aposta pola creatividade e orixinalidade da mocidade plasmada nunha fotografía,  foi creado no ano 2007 polas Oficinas de Información Xuvenil (OMIX) dos concellos do Rosal, Tomiño, A Guarda, Baiona, Salceda de Caselas, Gondomar, O Porriño e o Espazo Xove de Tui, dentro do traballo en rede que veñen realizando o longo destes anos.

Participaron un total de 13 mozos de idades comprendidas entre os  12 a 30  anos e o ano pasado o gañador, unha vez reunido o xurado, foi   Sergio Lorenzo Ares pola súa foto“ Comeza a Viaxe”.