Nova quenda das Xornadas Gastronómicas do Entroido

Esta tarde haberá unha nova quenda das Xornadas Gastronómicas do Entroido do Porriño nas que participan 20 establecementos de hostalaría da vila.
Ata o 14 de marzo, cada venres e sábado, a partir das 19 horas, os bares e cafeterías participantes ofrecerán un pincho polo prezo de 1 € con elaboracións propias do Entroido.

Nas Xornadas participan os establecementos:
“Tapería La de Evi”, “Saspi”, “Paso a Nivel”, “Argentino 2”, “Adéle”, “Segredos”, “Millenium 33”, “Cólleo con pinzas”, “La de Chato”, “A Francachela”, “El Patio”, “Pantera Rosa”, “Maloserá”, “Sol”, “Adega de Montero”, “Maracaibo”, “Mesón Mondariz”, “La Cueva” y “Cafetería O Porriño”.

A Concellería de Infraestruturas humanizará a rúa Aloques con cargo ao Plan Concellos 2020

A Xunta de Goberno Local, a proposta do concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira acordou incluír no Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para o ano 2020 a humanización da rúa Aloques ata a súa intersección coa rúa Tarela cun orzamento estimado de 422.000 euros.

O proxecto foi presentado previamente polo concelleiro de infraestruturas aos residentes na rúa Aloques o pasado 5 de decembro nunha reunión que se celebrou na casa do Concello.

A mellora deste espazo urbano conleva a reorganización do tráfico, unha mellora estética e a renovación e ampliación do servizos existentes. A tal fin compre a demolición do firme actual e a súa substitución por un enlousado en pedra. E ademais acometerase a recollida de pluviais, saneamento, abastecemento de auga, telecomunicacións e electricidade.
A rúa Aloques quedará de tránsito peonil, sen tráfico de vehículos agás residentes.

O proxecto sairá a licitación, cando estean rematados os trámites burocráticos, para a súa execución ao longo deste ano.

A IV Challenge Rías Baixas de ciclismo presentouse no CEIP Fernández López co alumnado como espectadores de luxo

A cuarta edición da “Challenge Rías Baixas” de ciclismo que organiza o club “Máster da Louriña” co apoio da Concellería de Deportes do Concello do Porriño, presentouse este mediodía nas instalacións do CEIP “Fernández López” co alumnado como espectadores de luxo, o tempo de lecer.

A diferencia de anos anteriores, o club e o concelleiro de Deportes, David Alonso decidiron sacar o acto fora da casa consistorial e á vista da resposta dos rapaces e a súa implicación, “foi todo un acerto” segundo valorou David Alonso.


Xunto con Juanjo Alvarez Cerdeira e David Alonso, protagonizaron a presentación da proba Begoña Toucedo, concelleira de Deportes de Mos e Miguel Bouza, edil de Mocedade de Ponteareas.

A Challenge consta de tres etapas que se disputarán entre o sábado 29 de febreiro e o domingo 1 de marzo. A primeira etapa será unha contra reloxo individual de 8 kilómetros no parque de Avisoureira, en Guláns (Ponteareas). A segunda etapa será unha etapa en liña de 81 kilómetros, ó longo do concello de Mos. E a terceira e última etapa, “Gran Premio do Porriño” consistirá noutra etapa en liña, de preto de 78 kilómetros.
A Challenge Rias Baixas 2020 terá 192 participantes. Está reservada para corredores Máster 30, Máster 40, Máster 50 e Máster 60, así como para Féminas Máster. Tamén hai unha categoría júnior para a que se reservaron 30 prazas.

Hoxe terá lugar o pleno municipal ordinario de febreiro

A corporación local de Porriño decidirá sobre a cesión dunha parcela ao Centro Tecnolóxico do Automobil de Galicia para habilitar un aparcadoiro e servizos conforme a petición trasladada polo CTAG ao Concello. A proposta que vai a pleno é para ceder unha parcela de titularidade municipal de 5.377 metros cadrados no Polígono Industrial de A Granxa, conforme valorou a Comisión Municipal de Urbanismo nunha sesión celebrada na tarde do luns.

O pleno ordinario de febreiro vaise celebrar hoxe xoves, a partir das 18 horas, segundo acordou a Xunta de Voceiros Municipais, para evitar a coincidencia da sesión cos actos de remate do Entroido no Mércores de Cinza.

A orde do día contempla 17 asuntos. Entre eles tamén incluese para o seu debate, a solicitude á Consellería de Educación para que desafecte as cinco casas dos mestres no CEIP Antonio Palacios de Torneiros para a súa posterior conversión en vivendas sociais.

Por iniciativa da concelleira delegada Cami Moreira, levase ao pleno o Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Porriño para o cuatrienio 2020/2024.

No capítulo de mocións haberá ata tres relativas ao 8 de marzo e unha específica de EU Son sobre os traballos de desbroce e adecentamento que se realizan na parcela cedida polo Concello a “Aceesca” para o seu futuro centro de formación dual, no Polígono das Gándaras.

IV Challenge Rías Baixas de ciclismo presentase este xoves no CEIP Fernández López

A cuarta edición da “Challenge Rías Baixas” de ciclismo que organiza o club “Master da Louriña” co apoio da Concellería de Deportes do Concello do Porriño, será presentada este xoves 27, ás 11,30 horas. A diferencia de anos anteriores, o club e o concelleiro de Deportes, David Alonso decidiron sacar o acto fora da casa consistorial e elixiron o CEIP Fernández López e na hora do recreo para facer a presentación.

A Challenge consta de tres etapas que se disputarán entre o sábado 29 de febreiro e o domingo 1 de marzo. A primeira etapa será unha contrareloxo individual de 8 kilómetros no parque de Avisoureira, en Guláns (Ponteareas). A segunda etapa será unha etapa en liña de 81 kilómetros, ó longo do concello de Mos. E a terceira e última etapa, “Gran Premio do Porriño” consistirá noutra etapa en liña, de preto de 78 kilómetros.

A Challenge Rias Baixas está reservada para corredores Master 30, Master 40, Master 50 e Master 60, así como para Féminas Master. Tamén hai unha categoría junior para a que se reservan 30 prazas mentres que as 170 restantes son para as categorías master masculina e feminina.

Entroido 2020: Os actos do Mércores de Cinza rematarán cun espectáculo de pirotecnia fría

O entroido do Porriño rematará este serán con actos do Mércores de Cinza que xiran en torno ó Velorio e Enterro da Sardiña.

O Velorio coemzará ás 17 horas na praza Arquitecto Antonio Palacios. Posteriormente, dende as 19 horas coa compañía “Troula Animación” que trae o espectáculo pasarrúas “Errantes” terá lugar o cortexo fúnebre que contará ademais coa participación das comparsas inscritas este ano.

O percorrido será polas rúas Antonio Palacios, Domingo Bueno, San Sebastián, Manuel Rodriguez, Ramón Gónzalez e remate na praza do Concello.

A continuación seguirá a lectura do testamento e despois o acompañamento da Sardiña ata o río Louro, na Ponte do Valo onde terá lugar a incineración.

O acto concluirá cun espectáculo de pirotecnia fría. Tratase dun formato que non implica nin ruido nin outras emisións conforme o acordo que adoptou o Goberno Municipal do Porriño e ratificou o pleno da Corporación Local no pasado mes de xaneiro.

A proposta da Concelleira de Festexos, Cami Moreira nas festas que organiza o Concello do Porriño empregarase exclusivamente pirotecnia fría ou insonora a fin de eliminar a contaminación acústica por espectáculos de lucería e fogos artificiais.
Deste xeito, O Porriño é o primeiro concello da área metropolitana de Vigo que establece semellante veto.

Enterro da Sardiña. Espectáculo “Errantes”

Programación do Martes de Entroido: mantense os actos previstos

A Concellería de Cultura e Festexos informa que, de momento, mantense a programación prevista para hoxe, Martes de Entroido, á vista das previsións meteorolóxicas que sinalan que a partir de mediodía, deixará de chover.

De xeito que, a partir das 16,30 horas, comezará na praza Arquitecto Antonio Palacios, unha nova quenda do Obradoiro de Máscaras para nenos e nenas maiores de 5 anos., a cargo do grupo Tanxarina.
Engadimos unha galería de imaxes de onte.

Ademais, a partir das 18 horas, haberá animación de rúa coas Charanga do Dr. Anchoa, Charanga Noroeste e Xigantes e Cabezudos.

E dende as 18,30 horas, terá lugar o Desfile de Comparsas, coas dezaseis agrupacións que participan este ano, en percorrido dende o barrio de San Sebastián ata a praza Arquitecto Antonio Palacios.

Obradoiros de máscaras para a infancia

 
A Concellería de Cultura e Festextos lembra que tanto hoxe luns como mañá martes haberá obradoiros de máscaras para a infancia.
Unha actividad incluída na programación do Entroido do Porriño 20202.
Os obradoiros están a cargo do grupo Tanxarina, para nenos e nenas a partir de 5 anos.
En horario de 16,30 a 18,30 horas, na praza Arquitecto Antonio Palacios.
No caso de mañá martes, a actividade quedará supeditada ás condicións meteorolóxicas xa que hai previsión de choiva.
 

Os Xogadores da Ola deron a benvida ó Entroido

Os Xogadores da Ola foron os encargados de dar a benvida ó Entroido do Porriño como pregoeiros. Un recoñecemento a súa contribución á animación das rúas nestas datas. 

Fixeron o pregón en verso e animaron a toda a veciñanza a participar do Entroido. E logo protagonizaron o tradicional Xogo que se celebra dende hai 77 anos.

Deixamos algunhas imaxes do pregón e do Xogo da Ola.