A triatleta Aida Valiño, flamante fichaxe do novo equipo ciclista porriñés “Louriña Cycling Team”, produto da fusión entre “Máster da Louriña” e “A.D. Avanza”, proclamouse campioa galega de contra reloxo individual 2020, na categoría elite. Cun crono de 19:36, Aida amosou a súa calidade. Hai que ter en conta que volveu á competición xa que estivo aleixada do ciclismo nestes últimos anos despois da súa maternidade e de sufrir dous accidentes de tráfico cando adestraba.

Na mesma categoría, a porriñesa “Chus” Barros, do “Spol C.C.” foi subcampioa de Galicia cun tempo de 21:09.

A proba disputouse sobre un circuíto de 13 quilómetros na vila termal de Baños de Molgas, con saída e meta no Santuario dos Milagres.

No que atinxe á categoría elite masculina, o ciclista Roberto Mediero, do “Louriña Cycling Team”, foi medalla de bronce, a 1:13 do gañador, Samuel Blanco. Por outra banda, Gustavo Rodríguez, (“Louriña Cycling Team”) que partía como favorito ao título, rematou cuarto a consecuencia dun pinchado que rebaixou as súas posibilidades.

Na categoría cadete masculino, Roberto Pereira (“A.D. Avanza”), foi terceiro. Parou o crono en 21:00, a 19″ do gañador.

Finalmente, en categoría Máster 40 masculina, Carlos Iván Vidal de Sa (“Louriña Cycling Team”) foi medalla de prata e na categoría Máster 40 feminina, Mónica Alarcón (“Louriña Cycling Team”) foi medalla de bronce.