A Consellería do Medio Rural, a través do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal, vén de emitir un aviso fitosatitario no que se establece o inicio dos tratamentos contra o Scaphoideus titanus, o insecto encargado de transmitir a flavescencia dourada da vide. Esta medida forma parte das tarefas habituais de seguimento, control e erradicación que o Goberno galego realiza dende o pasado mes de maio.
Segundo informan as autoridades, as ninfas deste insecto atópanse nestes momentos no seu estado máis avanzado de desenvolvemento, o que supón o momento ideal e máis eficaz para aplicar os insecticidas. Por este motivo, os tratamentos pasan a ser obrigatorios na zona demarcada e recomendados nas áreas vitícolas limítrofes.
O calendario estipulado para estas tarefas organízase en tres quendas:
- Primeiro tratamento: Do 19 ao 26 de xuño de 2026.
- Segundo tratamento: 15 días despois do primeiro.
- Terceiro tratamento: Un mes despois do segundo.
Recomendacións para os viticultores
Para garantir unha correcta aplicación e evitar a dispersión do insecto, Medio Rural aconsella:
- Aplicar os tratamentos preferentemente na primeira hora do día. No caso de empregar piretrinas, realizar a aplicación na última hora do día, debido á súa sensibilidade á luz solar.
- Garantir unha aplicación uniforme, mollando especialmente o envés das follas e os brotes basais ou chupóns, así como a parte baixa das cepas, zonas habituais de refuxio das ninfas.
- Extremar as precaucións no movemento entre zonas vitícolas, evitando o transporte accidental de ninfas ou adultos por parte de persoal de campo e outros axentes.


