• O enxeñeiro Francisco Forjanes, de Isega, asume o cargo de presidente, e Saúl Cuevas, de Darlim, o de vocal

Na última asemblea xeral da Entidade Urbanística de Conservación A Granxa, celebrada este mércores, levouse a cabo a renovación da súa comisión delegada nunha sesión marcada pola emoción e o recoñecemento a dous históricos do tecido empresarial galego: Indalecio Cuevas e Julio Gómez, que deixan as súas responsabilidades tras décadas de traballo e dedicación ao polígono industrial do Porriño.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, tamén quixo sumarse ao recoñecemento, expresando publicamente o seu profundo agradecemento a ambos os empresarios pola súa entrega, visión e incansable dedicación ao longo de todos estes anos en prol do desenvolvemento económico e industrial do municipio. Citando a Einstein asegurou que “o  valor dun home debería verse no que da e non no que é capaz de recibir” destacando a labor que ambos fixeron polo conxunto dos empresarios do polígono. 

Do mesmo xeito esa asemblea contou coa presencia do Presidente da Deputacion de Pontevedra, Luis López, o presidente da Confederación de Empresarios da provincia, Jorge Cebreiros, e o secretario xeral da Federación Galega de Parques Empresariais, David Sobral.

Indalecio Cuevas Montes, presidente do Grupo DARLIM, é un empresario con máis de 50 anos de exitosa traxectoria profesional, 20 anos á fronte da EUC, ademais de ter sido vicepresidente segundo da Cámara de Comercio de Tui durante 12 anos.

Julio Gómez Rodríguez é un referente do sector naval en Galicia. Líder do Grupo Vicalsa, que conta coa firma Comevisa nos polígonos da Granxa e As Gándaras, foi presidente de Asime e, desde 2001, é vocal da comisión delegada da EUC A Granxa.

Tras as súas renuncias logo de décadas de traballo, Francisco Forjanes, enxeñeiro de telecomunicacións, de Isega, asume a presidencia da asociación en substitución de Indalecio Cuevas Montes, quen pecha unha destacada etapa de 20 anos á fronte da EUC A Granxa.

O novo presidente asegurou que o seu labor basearase “na responsabilidade, a transparencia, o sentido común e a capacidade de traballo”.

Pola súa banda, Saúl Cuevas, de Darlim, incorpórase á comisión delegada para substituír a Julio Gómez Rodríguez, quen deixa o cargo aos 81 anos tras exercer como vocal desde o ano 2001.