Esta fin de semana no Porriño levaranse a cabo distintos actos no marco da recuperación da Memoria histórica que está a pór en marcha a Concellería de Cultura dirixida pola nacionalista Cami Moreira.

O sábado 17 de abril terá lugar a proxección do filme As silenciadas, documental histórico que recupera historias de vida de numerosas mulleres que andaron na clandestinidade ou apoiaron desde a chaira o movemento guerrilleiro.

O domingo 18, na praza de Antonio Palacios, terá lugar unha lectura de diversos fragmentos dos libros Un cesto de mazás de Montse Fajardo, Non des a esquecemento de Luis Bará e O Porriño 1936 de Xosé Ramón Paz Antón. As lecturas, acompañadas de música de acordeóns, serán realizadas por persoas vinculadas á memoria do Porriño e da contorna, baixo o lema “Non deixemos a memoria soterrada nas foxas”.

Para a Concellería de Cultura, este acto “é un punto de partida cara a outros proxectos dirixidos á recuperación da memoria histórica, como será a realización dun documento sonoro que recolla a narración das persoas que viviron a dura represión franquista”.

“A recuperación, posta en valor e difusión da historia do noso país, a aplicación da Lei de Memoria Histórica co recoñecemento público ás porriñesas e porriñeses que pagaron coa represión e a morte a súa defensa dos valores democráticos son valores defendidos pola Concellería de Cultura que dirixe Cami Moreira; así como apoiar e impulsar todas aquelas actividades que contribúan a dar luz e divulgar aspectos do noso devir histórico”.

Entre os actos programados para este mes de abril estará tamén a conmemoración do 25 de abril, a Revolución dos Caraveis de Portugal.