A alcaldesa Eva García recibiu este mediodía á ministra de Sanidade, Carolina Darías que acudiu a visitar e coñecer de primeira man o traballo que se está a levar a cabo no Porriño para novas vacinas contra o Covid.
A ministra visita as instalacións de “Biofabri”, a planta da compañía farmacéutica “Grupo Zendal” que está a desenvolver en Torneiros, unha parte da nova vacina da firma norteamericana “Novavax” que en breve será a quinta en obter autorizacións da Unión Europea para a súa distribución en España e outros países membros.

Así mesmo, os directivos de “Zendal” explicaron nunha reunión de traballo á ministra, á alcaldesa e ás demais autoridades que realizan a visita, como se está a traballar para a elaboración doutra vacina contra a Covid, totalmente española, que se desenvolve en colaboración co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

A ministra Darías estivo acompañada por diversos cargos do seu departamento, entre eles, María Jesús Lamas, directora da Axencia Española de Medicamentos, así como polo conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, o delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada e Abel Caballero, presidente da Federación Española de Municipios e Provincias.