A Alcaldesa Eva García presidiu este mediodía a presentación do programa de actos de celebración do “Dia do Orgullo LGTBIQ+” que comezará este serán e rematarán mañá domingo.

Na roda de prensa, celebrada no salón de plenos, Cami Moreira, concelleira de Igualdade e responsable da organización, manifestouse “moi orgullosa de que o Concello do Porriño se sume un ano máis a esta celebración para que a igualdade de dereitos de todas e todos os cidadáns sexa cal fora a súa orientación afectiva e sexual ou identidade de xénero, sexa un compromiso de toda a sociedade””.

Explicou que a convocatoria baixo o lema “Por un Porriño transverso” pretende “enfatizar que sexamos diversos, que sexamos transparentes e translúcidos, mediante o xogo de palabras que se fai no cartel dos actos”.

Pola súa banda, Eva García lembrou que dende a súa chegada á alcaldía do Porriño “decidimos poñer a bandeira no balcón principal do Concello marcando unha declaración de intencións”.   A rexedora porriñesa valorou que “debemos estar orgullosos do camiño percorrido e dos dereitos temos acadado nestes anos aínda que tiña sido con moita dor”. Eva Garcia citou que “aínda hoxe fai falla que alguén coma Pablo Alborán saia do armario para axudar a outros a que o fagan. O día que non sexa necesario, entón sí que teremos conquistada a igualdade”. 

A alcaldesa advertiu que “aínda hai riscos de retrocesos”. “Hoxe sabemos que hai grupos políticos que se suman ao discurso e a poñer a bandeira pero que non creen nel; tamén sabemos que estamos ante unha ameaza dos nosos dereitos por opcións políticas extremistas e retrógradas”, indicou Garcia de la Torre.

Os actos continuarán este serán, se a meteoroloxía o permite, co inicio dunha intervención artística do muralista “Doctoy” na rampla de baixada á praza do Cristo. Ese mural rematarase mañá domingo ás 20 horas, intre no que haberá ademais un recital de poesía a cargo de Samuel Merino, Silvia Penas, Arancha Nogueira co acompañamento musical de Sanny Caster e Paraíso Canto (Gabi Reboredo, voz e percusións tradicionais e Martiño Malleiro, acordeón cromático e clarinete).

O colofón ao acto serán os discursos da concelleira de Igualdade e da alcaldesa.