Un informe emitido polo Secretario Municipal respalda a decisión da Alcaldesa Eva García de non convocar un pleno extra solicitado polo PP. O informe do Secretario aprecia que a solicitude do PP non cumpre cos requisitos establecidos por lei.

A alcaldesa denegou a petición “ao non constar acreditada a autenticidade das firmas nin a vontade dos concelleiros solicitantes”. Ese escrito presentado o 22 de marzo polo polo voceiro do PP, Alejandro Lorenzo foi denegado despois de apreciarse que “respecto da acreditación da identidade, firma e declaración do resto de concelleiros, só consta un garabato ou simulacro de firma ao final do documento”.

Para que a opinión pública e a veciñanza de O Porriño coñeza mellor o asunto, a alcaldesa Eva Garcia ordenou a difusión de dous documentos públicos. Un deles é o escrito de constitución do grupo municipal e o outro é a solicitude deste pleno extra feita o pasado 22 de marzo. As firmas son manifestamente distintas como se pode observar.

A maiores, o PP presentou un novo escrito ratificándose na súa solicitude, desta vez coas firmas electrónicas dos oito compoñentes do grupo municipal.

A alcaldesa coida que “é necesaria unha investigación máis polo miúdo sobre a posible suplantación das firmas dos concelleiros do PP a través do seu voceiro que, de feito, queda recoñecida claramente co novo escrito no que aportan as firmas de todos eles co seu certificado electrónico”.

Incluímos audio coas declaracións da alcaldesa.