- A achega de 5.000 euros permitiu incorporar novo equipamento para emerxencias, rescate, atención sanitaria e formación dos voluntarios
O Porriño, 22 de xullo de 2026.- A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Porriño vén de reforzar os seus medios materiais grazas a unha subvención de 5.000 euros concedida pola Deputación de Pontevedra. Esta actuación, destinada á adquisición de novo equipamento para emerxencias e formación, permite mellorar a capacidade de resposta da agrupación en intervencións de protección civil, rescate e atención sanitaria, reforzando o servizo que presta á veciñanza do municipio.
Entre as adquisicións realizadas, explica Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, destaca unha bomba portátil Vilpin 75 con motor Briggs XR-2100, especialmente útil para labores de achique e intervención en inundacións, así como dúas lanzas de caudal Viper, que melloran a eficacia en traballos relacionados con incendios e subministración de auga. O rexedor destacau o gran labor que fan os voluntarios desta agrupación.
A subvención tamén serviu para dotala agrupación duns importante lote de material de rescate, inmobilización e formación, entre o que se inclúen un taboleiro espiñal, unha maca plegable de aluminio, unha cadeira de evacuación, un xogo de férulas de baleiro, un inmobilizador de columna e de cabeza, sistemas de correas, un chaleco para manobras de desobstrución da vía aérea, ademais de diverso material didáctico para a formación en reanimación cardiopulmonar, como un conxunto Little Family QCPR, modelos anatómicos e un desfibrilador de adestramento.
A inversión total xustificada ascende a 5.966,80 euros, superando o importe da axuda concedida, o que pon de manifesto o compromiso da Agrupación de Protección Civil do Porriño coa mellora continua dos seus recursos e da atención que presta á cidadanía.
Dende a Agrupación de Protección Civil do Porriño agradecen o respaldo da Deputación de Pontevedra, cuxa colaboración permite seguir modernizando o equipamento co que os voluntarios afrontan actuacións de emerxencia, prevención e apoio a outros servizos públicos. A incorporación destes novos medios redundará naxunha resposta máis rápida, eficaz e segura en beneficio de toda a poboación do Porriño.


